A Deputación asinará un convenio para a reforma do campo do Alondras, en Cangas
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Cangas asinarán nos próximos días un convenio de colaboración para a reforma do Campo de Fútbol de O Morrazo, no que xoga o Alondras.
Así o acordaron esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, que coincidiron na necesidade de executar estes traballos canto antes, dado o notable deterioro dalgunhas das instalacións deste campo.
A intención do Concello e da Deputación é axilizar ó máximo os traballos para que o campo estea operativo na vindeira tempada.
Os traballos contan cun orzamento de 600.000 euros e suporán a demolición completa das bancadas, que presentan numerosas deficiencias, e a construción doutras novas.
Tamén se procederá ao derrube dos vestiarios e das dependencias sociais situadas no baixo das gradas, e a construción de novos locais. Así, incrementarase o número de vestiarios, que na actualidade resultan insuficientes para atender a demanda; mellorarase a accesibilidade, colocando ramplas de acceso para persoas con mobilidade reducida e baños adaptados, ademais de mellorar os accesos e outras reformas.
Trátase dunha obra moi demandada e o obxectivo tanto do concello como da Deputación é axilizar ao máximo a tramitación e execución dos traballos, co obxectivo de que o campo renovado estea operativo para a vindeira temporada.











