A Coruña establece un dispositivo especial de tráfico con motivo da proba de tríatlon Hércules Xtrm

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa o dispositivo especial de tráfico e mobilidade que se deseñou con motivo da celebración, o vindeiro sábado 24 de maio, da proba Hércules Xtrm.

Trátase do primeiro Tríatlon Media distancia que se celebra na Coruña e o primeiro de Galicia que discorre nun circuíto completamente urbano. A proba, que comeza ás 15.30 horas, consiste en percorrer unha distancia de 1,9 quilómetros nadando, 77 quilómetros en bicicleta e 21,1 quilómetros correndo.

A afección de tráfico desenvolverase desde as 15.00 até as 20.30 horas aproximadamente, aínda que nin a proba de natación nin a carreira incidirán na circulación.

Proba de Natación

Comeza ás 15.30 horas e celébrase no mar desde a zona do Náutico até o castelo de San Antón, os nadadores acceden por Porta  Real – María Barbeito á praza de María Pita para coller a bicicleta.

Proba Ciclista

Saída desde a praza de María Pita. Realizan catro voltas ao circuíto que vai desde Porta Real  á Casa do Mar e zona portuaria. Desde María Pita cruzan por Juana de Veiga, usando o túnel da praza de Pontevedra, e salguen ao paseo marítimo desde Rexedor Somoza indo até a glorieta da torre de Hércules e, desde alí, até a glorieta do ascensor panorámico do Monte San Pedro, para dar a volta entrando de novo ao túnel desde Modesta Goicouría e trasladándose, despois, á Casa do Mar-zona portuaria para volver a Porta Real.

Este percorrido supón:

Mantense un carril para cada sentido de circulación desde o túnel de María Pita até o viaduto de Alfonso Molina, pegados aos xardíns; e mantense un carril de saída da cidade desde praza de Ourense até a Palloza- avenida da Pasaxe.

Córtase o tráfico do túnel de praza de Pontevedra e o acceso desde Juana de Veiga, manténdose o tráfico en superficie na praza Pontevedra conectando San Andrés con Juan Flórez e Francisco Mariño.

Zona Paseo Marítimo: mantense o sentido de circulación sentido torre de Hércules, interrompéndose no tramo desde Rubine até Rúa Alta. O tráfico desvíase por Comandante Barja, Alfredo Vicenti, avenida Finisterre, Juan Flórez, Betanzos, Francisco Mariño, praza Pontevedra e San Andrés.

Carreira a pé

Salgue da praza de María Pita e vai até a zona da torre de Hércules  pola beirarrúa do paseo marítimo. O punto de cruzamento co tráfico é na avenida do Metrosidero con Campo da Estrada e diante do acceso á Hípica.

AUTOBUSES

Con motivo da proba de tríatlon Hércules XTRM, as liñas con destino a Porta Real (1, 1A, 2, 2A, 17 e 23A), que terían que facer o percorrido de volta de Porta Real a Catro Camiños, continuarán polo paseo de O Parrote, Maestranza, Metrosidero, praza de España, Panadeiras, San Andrés e praza de Pontevedra. Unha vez neste punto, continuarán por Juan Flórez, Rúa Betanzos, Francisco Mariño, Praza de Pontevedra e Juana de Veiga, incorporándose na praza de Ourense ao itinerario habitual.

As liñas 3 e 7, en sentido cara a Adormideras, farán o seu percorrido por San Andrés, Rúa Alta, Paseo Marítimo, Hospital e praza de España, desde onde baixarán ao Paseo Marítimo pola rúa Veramar, co fin de prestar servizo ao Abente e Lago e as paradas comprendidas entre este hospital e Orillamar, onde se incorporarán ao seu percorrido habitual.

As liñas 3, 3A e 7 realizarán o seu percorrido por avenida da Habana, praza de Portugal, Alfredo Vicenti, praza de Pontevedra, San Andrés e Rúa Alta. A partir deste punto a 3A seguirá o seu percorrido habitual até o Hospital Abente e Lago; de alí continuará polo Paseo Marítimo para acceder pola rúa Veramar á Praza de España, Panadeiras, San Andrés e praza de Pontevedra, onde se incorpora ao seu itinerario habitual.

As liñas 3 e 7, desde Rúa Alta, continúan por Hospital, praza de España, Veramar, Paseo Marítimo e Abente e Lago, onde recuperan o seu itinerario habitual.

Pola súa banda a liña 3, desde Adormideras, ao non poder continuar polo Paseo Marítimo, regresará pola avenida de Navarra, rúa da Torre, Praza de España, San Andrés e Praza de Pontevedra, onde se incorporará ao seu percorrido habitual.

22 de maio de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.