A Coruña acolleu a presentación do III Festival Arte pola Igualdade

Presentación do III Festival Arte pola Igualdade. Foto: M. Fuentes / AGN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acompañou a delegada provincial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o programa da nova edición do Festival Arte pola Igualdade. O evento promóveno, por terceiro ano consecutivo, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad en colaboración co Centro de Educación Especial María Mariño e mais co Conservatorio Profesional de Música da Coruña.
Segundo explicou o secretario xeral: “neste acto, ademais de lembrar o poeta Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas, preténdese tamén dar a coñecer o traballo que se desenvolve nestes centros educativos e demostrar que a discapacidade física e/ou psíquica non é un impedimento para desenvolver o potencial creativo e a sensibilidade artística”.
Na presentación, o responsable de Política Lingüística e a delegada provincial estiveron acompañados pola vicepresidenta da Deputación Provincial da coruña (entidade colaboradora na iniciativa), Mariel Padín Fernándeze mais polos directores do conservatorio e do centro de educación especial, Jesús Pardo e Mari Luz Barreiro, respectivamente.
III Festival Arte pola Igualdade
O Centro de Educación Especial María Mariño e o Conservatorio Profesional de Música da Coruña celebran, por segundo ano consecutivo, as Letras Galegas dun xeito moi especial. Será a través do III Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo para todos os públicos que terá como protagonista e anfitrión o seu alumnado. Poderá gozarse este xoves, 22 de maio, a partir das 19:00 horas no Teatro Colón da Coruña.
Nela, o alumnado do CEE María Mariño porá en escena a peza “O meu reino non é deste mundo”, de Manuel María, mentres que o do Conservatorio Profesional de Música coruñés interpretará “Os tres galeguiños”, de I. Groba; “Gallaecia”, de J. Bugallo; “Rapsodia galega nº1”, de E. García Rey; “Muiñeira dos pendellos”, de Juan Lois, e “Ponteareas”, de R. Soutullo. A entrada é de balde ata completar a capacidade do teatro e poderase retirar previamente no despacho de billetes.











