publicidade hoxe

A Coruña acolle o IX Tríatlon de Riazor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O Concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, recibiu esta mañá ao Club Tríatlon Coruña, organizador da IX edición do Tríatlon de Riazor, proba pioneira coa que colabora o Concello dentro da súa aposta pola promoción do deporte.

A competición, que se celebrará este sábado, día 17 de maio, a partir das 10.00 horas na contorna da praia de Riazor, converteuse nun referente e permitiu que este deporte se viva con intensidade na Coruña. De feito, esta iniciativa pioneira, facilitou que a cidade se inclúa no circuíto Tríatlon Series, onde a proba que se celebra en setembro na Coruña, comparte protagonismo con cidades de gran tradición nesta disciplina como Barcelona, Andorra, Sevilla ou Málaga. Ademais, nesta ocasión, o Tríatlon de Riazor convértese na antesala ao debut da que pretende converterse nunha das grandes probas deportivas da cidade: o Hércules XTRM do próximo 24 de maio.

A principal novidade desta edición é a incorporación da proba Nada e Corre para as categorías benjamín e alevín (de 8 a 11 anos), co obxectivo de promocionar esta disciplina en auxe entre os máis novos e cuxa esencia son tres dos deportes que forman parte do desenvolvemento motriz de calquera neno: a natación, o ciclismo e o atletismo. Unha iniciativa que se pon en marcha grazas ao patrocinio do Concello da Coruña, xa que se fará cargo dos custos do seguro deportivo e da inscrición, que nestas idades será gratuíta.

A proba constará de tres modalidades:

– Proba popular (infantil, cadete, xuño, sub-23, absoluta e veteranos), con saída ás 10.00 horas.

– Proba masculina A, 11.00 horas.

– Proba feminina, 12.10 horas.

– Proba masculina B, 12.30 horas.

– Nada e Corre, saída ás 13.45 horas.

As distancias serán as seguintes:

– Nada e Corre: 150 metros de natación e 500 metros de carreira a pé.

– Proba popular: 300 metros de natación, 10,6 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pé.

– Proba federada: 750 metros de natación, 21,2 quilómetros en bicicleta, 5 quilómetros de carreira a pé.

14 de maio de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.