A Coruña acolle o IV Open Internacional de Tenis en Cadeira de Rodas

Presentación IV Open Internacional de Tenis en Cadeira de Rodas
O Concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, recibiu esta mañá á Escola de Tenis Marineda, organizadora do IV Open Internacional Cidade da Coruña, torneo co que colabora o Concello dentro da súa aposta pola promoción do deporte como ferramenta fundamental para a integración.
A competición, que arrincará este xoves, día 8, e manterase ata o domingo día 11 de maio, converteuse nun referente a nivel nacional tanto pola organización do evento como pola calidade dos competidores. De feito, participarán no torneo todos os compoñentes da selección española que disputará o Campionato por equipos que se celebrará proximamente en Holanda. Tamén están inscritos o número 1 do ranking español, Roberto Chamizo, así como os números 3, 4 e 7. Participarán os integrantes do equipo nacional portugués ao completo e haberá representantes de Gran Bretaña e Marrocos. En total, 23 xogadores.
Ademais da competición, este evento contará con charlas, exhibicións e distintas actividades para favorecer a integración das persoas con algún tipo de discapacidade e fomentar entre a sociedade valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a integración social ou o espírito de superación.
Así, organizaranse visitas de asociacións de persoas con discapacidade, como a Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA); a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACECO); a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI); a Asociación de Parálise Cerebral (ASPACE); ou a ULM do CHUAC da Coruña.
Ademais levarán a cabo distintas charlas sobre experiencias persoais como a do atleta Rafael López, de nutrición para deportistas ou presentacións como a do programa de tenis adaptado da Federación Galega de Tenis para 2014.
A principal novidade desta edición é a celebración do I Torneo Inclusivo Cidade da Coruña o 10 de maio en horario de 10.00 a 17.00 horas. Trátase dunha xornada multideportiva con cinco disciplinas: tenis, fútbol, baloncesto, boccia e slalom. Diríxese a equipos formados tanto por persoas con como sen discapacidade de entre 5 e 7 membros. Para participar hai que pertencer a algunha das asociacións da liga Norte ou ás escolas deportivas das entidades colaboradoras. O obxectivo é ofrecer unha nova actividade que, dentro do Open, traballe por fomentar a inclusión.











