A Corporación de Ponte Caldelas acorda por unanimidade apoiar aos traballadores de Tafisa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas aprobou no Pleno da Corporación Municipal de hoxe, cos votos a favor do PPdeG e a abstención dos dous grupos da oposición, unha modificación orzamentaria co obxectivo de utilizar o remanente de tesouraría resultante da liquidación do exercicio económico de 2013, para financiar gran parte do plan de investimentos deste ano 2014.

Con esta medida preténdese utilizar ese remanente en contía de 80.000 euros, para financiar ese plan de investimentos, reducindo así a operación de préstamo á que se ascende neste ano a só 61.000 euros que se realizará coa Caixa de Anticipos da Deputación, para evitarse así pagar intereses.

Con esta medida redúcese aínda máis a débeda do Concello que pasará a estar por baixo do 38%, cando o límite está no 75%, o que, en palabras do alcalde Perfecto Rodríguez, “dá boa idea do esforzo económico, o pouco endebedamento e da solvencia de que dispón o Concello de Ponte Caldelas. De todas as maneiras, algo parecido fíxose o pasado ano, aínda que naquela ocasión financiouse a totalidade do plan de investimentos municipal con remanente, o que permitiu reducir aínda máis a débeda municipal”.

Perfecto Rodríguez aclarou aos membros do Pleno que “agora os requisitos que esixe a Lei de Estabilidade Orzamentaria non permiten utilizar a totalidade do remanente para financiar investimentos polo que optamos por facelo parcialmente. De feito outra parte do remanente destínase a financiar o recoñecemento de crédito que se aprobou en febreiro e outra pequena parte a amortiza débeda tal e como esixe o Ministerio de Facenda”.

De todas as maneiras, Perfecto Rodríguez asegurou “que o nivel de endebedamento do Concello é moi baixo e perfectamente asumible destinando unha pequena parte do orzamento cada ano á súa amortización. O importante é que cada ano podamos seguir reducindo esa débeda aos poucos pero sen renunciar a realizar investimentos, tal e como facemos aquí, xa que o nos últimos anos cando fomos a operacións de préstamo, sempre foron inferiores ao que amortizabamos ese ano, o que nos permitiu manter a solvencia do Concello en todo momento, proba diso é que Ponte Caldelas nunca tivo que acudir ao plan de pago a provedores que aprobou o Goberno para os Concellos e as Comunidades Autónomas, pagando sempre as súas facturas nun prazo máximo de 30 días”, concluíu Perfecto Rodríguez.

MOCION DE APOIO Aos TRABALLADORES DE TAFISA

Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou unha declaración institucional por unanimidade en apoio aos traballadores de Tafisa, na que se esixe á empresa Tafisa e ao grupo Sonae Industria que reconsidere a súa decisión de pechar a factoría situada na Reigosa e expoña un proxecto de viabilidade que permita a continuidade da empresa e, por tanto, dos postos de traballo existentes.

APROBADO O PLAN DE IGUALDADE COA ABSTENCIÓN DO PSOE

Outro dos puntos da orde do día aprobado polo Pleno, cos votos a favor do PPdeG e BNG e a abstención do PSOE, foi o referente ao III Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal entre Mulleres e Homes (PIOM), destinado a dar continuidade ás políticas de igualdade desenvolvidas polo Concello de Ponte Caldelas desde o ano 2005 coa entrada en servizo do CIM, e contempla catro áreas de actuación con obxectivos centrados na educación e valores igualitarios entre os mozos; mercado laboral e usos do tempo; participación social e empoderamiento e prevención e erradicación da violencia de xénero.

No transcurso do debate deste punto o alcalde exteriorizó ao portavoz do PSdeG-PSOE o seu malestar “pola falta de sensibilidade ante un tema que habería que aprobar por unanimidade xa que non se trata dun plan político, senón técnico, elaborado polos traballadores do CIM e que deste xeito, coa súa abstención, o que fai é desdibujar o inequívoco apoio de toda a Corporación ao labor destas persoas e ao importante servizo que prestan ás moitas mulleres que acoden a este departamento. Ás veces hai que deixar os matices políticos ao carón e, como acaban de facer os concelleiros do BNG, ter sentido de responsabilidade sobre un tema como o da igualdade entre homes e mulleres no que deberiamos trasladar unha imaxe inequívoca de unidade ante a sociedade cando se trata dunha cuestión como esta”.

MOCIÓN DO BNG SOBRE O MANTEMENTO DO SISTEMA DE PRESTAMO DE LIBROS

Finalmente, aprobouse cos votos a favor do BNG e do PSdeG-PSOE unha moción nacionalista para pedir o mantemento do sistema de préstamo de libros coa entrada en vigor da LOMCE e manter os textos escolares en vigor o que suporía, en palabras de Lito Muiños, portavoz do BNG, “un aforro importante para as familias e apostar por favorecer ou acceso á educación daqueles rapaces e rapazas con menos posibilidades económicas”.

22 de maio de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.