publicidade hoxe

A Consellería de Cultura mantén en MICSUR unha xuntanza con Teresa Parodi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Representantes da Consellería de Cultura na reunión con Teresa Parodi

Representantes da Consellería de Cultura na reunión con Teresa Parodi

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantivo en Mar del Plata unha reunión institucional coa nova ministra de Cultura da Arxentina, Teresa Parodi, levada a cabo no marco da relación continua establecida entre ambas as dúas entidades e co obxectivo de afianzar a colaboración entre as industrias culturais galegas e arxentinas.

En representación da Consellería participou na xuntanza o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen acudiu ao encontro, ademais, como integrante da delegación galega desprazada estes días a Mar del Plata para participar no primeiro Mercado de Industrias Culturales del Sur (MICSUR). Os dez países de Mercosur desenvolven unha ampla actividade comercial, expositiva e artística neste evento, ao que Galicia acudiu como territorio convidado especial co obxectivo de estreitar os lazos comerciais, abrir novas vías de coprodución e contribuír a xerar un bloque común latinoamericano no que promover os seus bens e servizos culturais.

O encontro foi unha das primeiras recepcións oficiais ofrecidas a representantes institucionais estranxeiros por Parodi, quen asumiu o cargo o pasado 7 de maio, logo da creación do novo Ministerio de Cultura en substitución da anterior Secretaría de Cultura de la Nación.

No transcurso da reunión, Jacobo Sutil trasladoulle á ministra a satisfacción tanto dos empresarios como dos artistas galegos participantes en MICSUR pola oportunidade de formar parte activamente deste mercado, que conta con máis de 2.600 profesionais acreditados e cun completo programa de espectáculos que incluíu a ‘Noite Galega’ en MICSUR co espectáculo Atlántic@s. Asemade, o director da Agadic presentoulle a Parodi balance de MICAtlántica 2013, celebrado en Santiago de Compostela, así como os obxectivos para a nova edición de 2015.

Pola súa banda, Teresa Parodi amosou a súa ledicia por contar en MICSUR cunha representación galega e destacou a súa aposta por seguir apoiando desde o Ministerio de Cultura arxentino os lazos con Galicia como porta de conexión coa cultura ibérica e a latinoamericana.

20 de maio de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.