A concellería de Traballo de Cangas organiza unha nova actividade para emprendedores
A concellería de Traballo do Concello de Cangas continúa apostando polo asesoramento aos emprendedores cunha nova actividade enmarcada dentro do programa da Aula do Emprendedor.
O próximo xoves día 15 de maio entre as 10.30 e as 12.00 horas terá lugar a charla “ A importancia da imaxe comercial na apertura ou relanzamento dun negocio” impartida por Nélida Carracelas da empresa local IMAGESC.
Ao longo da conferencia abordaranse diferentes puntos coma o obxectivo da imaxe comercial, a visión global desde o marketing, os principais erros á hora de abrir un establecemento e como evitalos e o asesoramento profesional, co obxectivo de facer fincapé en que a imaxe que transmite un negocio é un factor fundamental na estratexia de ventas, que inflúe poderosamente na decisión final de compra dos clientes.
Todos os interesados en asistir a esta actividade deberán inscribirse previamente, de forma gratuíta, nas oficinas da Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Cangas, situadas na praza do Sinal nº 5, 2º andar, teléfono 986 301 371, e-mail dlocal@cangas.org , antes do luns 12 de maio.











