A compañía teatral Os Ghazafelhos encargarase de conmemorar o Día das Letras Galegas en Cerdido
O Concello de Cerdido celebrará o Día das Letras Galegas coa compañía Os Ghazafelhos. Unha compañía de teatro de Narón creada no ano 2006 e formada na actualidade por Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas.
O día 16 de maio representarán no CEIP da Barqueira a obra “Acuario”. A obra é unha adaptación do poemario infantil de María Canosa do mesmo nome no que con títeres e accións van describindo os peixes que aparecen no libro, peixes do noso litoral. Os actores estarán acompañados por María Canosa e ten música en directo.
A continuación a alcaldesa do concello, Dª Ana Rodríguez Montero, fará entrega a tódolos nenos e nenas que estudan na actualidade no citado centro, dun libro en galego e adaptado á idade dos rapaces, tratando de fomentar a lectura e a lingua galega, sobre todo nun día adicado especialmente a festexar a nosas letras.
Durante o transcurso da xornada, farase unha mención especial a Xosé María Díaz Castro, poeta homenaxeado este ano 2014, ano que coincide co centenario do seu nacemento. Da súa obra, destaca o libro “Nimbos”, considerado un dos cumes da poesía galega moderna, e que contén o poema “Penélope”, o seu poema máis famoso que fai unha descrición de Galicia como unha tea que se está a facer e desfacer de modo constante. Díaz Castro fixo unha grande contribución para que a tradición literaria galega se tornase máis visible.