A comisión especial de contas de Nigrán ditamina a favor da proposta de orzamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

A comisión especial de contas celebrada hoxe para abordar a proposta de orzamento que o goberno municipal levará a pleno este mes falla a favor da proposta do equipo de Valverde, coa abstención do grupo socialista e o voto en contra do partido independente, UCN.

Valverde reitera que é un orzamento adaptado ás necesidades actuais e reais do municipio, que contempla un incremento superior ao 500% na partida de emprego, dun 19% en gasto social, e dun 34% en educación, “liñas fundamentais contorna ás que deseñamos esta proposta”, puntualiza o rexedor.

Un orzamento que ascende aos 12,8 millóns de euros, superando en 250.000 euros ao do exercicio anterior, “un dato sumamente positivo para este concello e que redundará tamén no beneficio directo dos nosos veciños”, engade.

O rexedor lembra que o capítulo de investimento contempla un incremento considerable respecto ao de 2013, dun 50%, ao pasar de 158.367,8 euros a 239.000 euros en 2014. A esta cifra hai que engadir outros investimentos non contemplados no orzamento, obtidas grazas ás xestións realizadas polo goberno municipal con outras administracións, valoradas en 2.786.000 euros.

Subvencións para entidades e colectivos

A proposta inclúe tamén unha partida de 40.000 euros para entidades culturais, veciñais, deportivas e comisións de festas, dirixidos a apoiar o asociacionismo veciñal así como a fomentar as actividades culturais e deportivas para os veciños de Nigrán.

21 de maio de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.