“A Cidade do Futsal” remata con máis de 1000 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Participantes na "Cidade do Futsal"

Participantes na “Cidade do Futsal”

Hoxe clausurouse a primeira edición de “A Cidade do Futsal”, un evento que congregou a máis de 1000 visitantes por xornada na Cidade da Cultura, contorna á MiniFutsal Cup na que competiron un total de 41 equipos, e que culminou coa proclamación dos dous campións do torneo, o “Sporting Furoca” da Serie A e “Vos Rapeiros de Lameiro” da Serie B, ambos os equipos compostos por xogadores da base do Santiago Futsal.

Desde as 9,30h da mañá comezou a fase final coa clasificación dos 8 semifinalistas (4 por serie), que foron obsequiados cun reloxo Select por alcanzar as semifinais. Tras catro partidos moi disputados chegouse ás dúas grandes finais. Primeiro xogouse a final da Serie B, que enfrontou aos campións “Vos Rapeiros de Lameiro” e ás “Faíscas FS”, cun resultado final de 1-0 con gol de Lucas. A final da Serie A enfrontou a “Vos Viquingos” contra “Sporting Furoca”, que venceron 4-0 con 3 goles de Álex e un de Martín.

Ao final da mañá repartíronse os agasallos e premios aos gañadores, tanto da MiniFutsal Cup, como do Chutódromo. Os encargados de entregar os premios foron Alfredo Couce, Director de Operacións da Oficina de Santiago do Banco Sabadell, Baltasar Alcalde, Director Comercial Rexional do Banco Sabadell e Miguel Fernández, Director Xeral do Santiago Futsal.

Desde o Santiago Futsal queremos agradecer a todos os clubs e equipos participantes por facer desta “Cidade do Futsal” unha experiencia inesquecible, tanto aos pequenos, como aos seus adestradores e aos seus pais, pola súa excelente actitude e paixón por este deporte; a todos os que se achegaron durante o fin de semana á Cidade da Cultura; grazas a Dynamic Events Sport, empresa organizadora do evento; ás xogadoras do Santiago Futsal A Gaiola que estiveron a coidar dos nenos e nenas; aos árbitros da Agrupación de Deportistas Veteranos de Santiago; aos xogadores do Santiago Futsal que acudiron a apoiar aos nenos e nenas nos seus partidos; e especialmente agradecer aos patrocinadores desta “Cidade do Futsal”, por facer posible este evento: Banco Sabadell Galego, A Cidade da Cultura, Concello de Santiago, Fundación Deporte Galego, O Correo Galego, Kelme e Feiraco.

11 de maio de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.