A Casa da Cultura de Lousame acolle unha exposición de pintura de Julio Díaz Gesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acollerá ata finais de maio unha exposición de pintura do lucense Julio Díaz Gesto, un autor autodidáctica moi recoñecido en Lugo e que agora chega a Lousame da man do seu gran amigo José Luís Veiras Manteiga, que tamén o acompañou no acto de inauguración desta mostra. Un acto que estivo presidido pola concelleira de Mocidade, Silvia Agrafojo, quen agradeceu a Díaz Gesto que escollese Lousame para realizar unha das súas primeiras exposicións fóra de Lugo.

Julio Díaz Gesto é un pintor autodidacta, xa que a súa principal ocupación é a hostalería. “Tiña unha cafetería na que montaba moitas exposicións doutros artistas, pois eu non me atrevía a pintar porque sentía moito respecto por ese traballo. No ano 1994 dixéronme que sempre hai unha primeira vez e dende entón estou traballando co obxectivo de facelo o mellor posible, sen ningunha pretensión máis”, explica Díaz Gesto.

Os que se acheguen pola sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame poderán descubrir a un pintor “moi auténtico. Non é un artista profesional pero conta cun estilo claro e busca expresar algo diferente ao resto”, segundo explicou a profesora Pilar Sampedro durante o acto de inauguración, que congregou a unha trintena de persoas na noite do pasado venres.

Do contido desta exposición, Sampedro destaca “o que máis se ve nas súas obras é a súa sensibilidade. Representa o seu mundo máis próximo, pinta escenas da súa vida, que coñece”. José Luís Veiras Manteiga, amigo persoal de Díaz Gesto dende hai xa 45 anos, instou aos visitantes a fixarse “nos fondos dos cadros, pois é un pintor ao que lle gustan moito os fondos e os traballa moito”. Pola súa banda, Díaz Gesto explicou que a exposición que se pode visitar en Lousame “é unha recompilación dos traballos realizados nos últimos 3 ou 4 anos co que só pretendo dar a coñecer o que estou facendo, agardando que poda gustarlle ao espectador”.

12 de maio de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.