A Casa da Cultura de Lousame acolle “Microteatro”, a cargo de catro compañías galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o director teatral Gustavo García Dieste presentaron esta mañá o programa “Microteatro”, que terá lugar este domingo 18 de maio ás 20:00 horas. A asistencia é totalmente gratuíta, se ben por razóns de loxística é imprescindible anotarse previamente na Casa da Cultura de Lousame ou a través do mail casacultura@concellodelousame.com.

Teresa Villaverde explica que “Microteatro” é “unha nova forma para disfrutar o teatro no que o público, en vez de estar sentado na súa butaca, irá polas distintas dependencias da Casa da Cultura para ir descubrindo 4 pequenas representacións doutras tantas compañías de teatro de Santiago, Boiro, A Pobra e Lousame”. Villaverde explica que “será unha experiencia novidosa e penso que moi positiva para os que participen, pois terán aos actores ao seu carón, como nunca os viron no teatro”.

Un punto no que incidiu Gustavo García Dieste, quen define esta iniciativa como “unha proposta de microteatro de preto en espazo alleo”. García Dieste sinala que “escollemos catro espazos na Casa da Cultura que converteremos nun escenario teatral no que o público estará moi próximo, case sentindo a respiración do actor”. “As representacións repetiranse cada 15 minutos e traballaremos con grupos pequenos”, explica o director da iniciativa, quen espera organizar ao público “en grupos de 10-15 persoas”. Por esta razón, e de cara a organizar os distintos grupos de público, é preciso que todos os que estean interesados en participar se anoten na Casa da Cultura de Lousame ou a través do mail casacultura@concellodelousame.com.

Participantes

As catro compañías que participarán son: Tik Tak Teatro (“A muller que comezou a contar ata dez e xa non parou”), Teatro do Improvisto (“A incerta viaxe dos señores Nowinzki”), Brandomín Teatro (“Nichos”) e o grupo de teatro de Lousame (“Sopa de radio”). Gustavo García Dieste, que coordina todo o proxecto “Microteatro”, indica que “imos achegar uns trailers aos veciños e veciñas de Lousame, no sentido de que van a ver fragmentos de 10-15 mintuos de obras que non están en representación pero que poderán disfrutar completas nos próximos meses”. Un exemplo é Tik Tak Teatro, que estreará “A muller que comezou a contar ata dez e xa non parou” o 8 de xuño en Lousame.

Gustavo García Dieste agradeceu o interese do Concello de Lousame por este proxecto e destacou que “é algo moi distinto, pero en Lousame gustou como proposta e non teñen medo a arriscarse con algo novo en materia cultural, cousa que é de agradecer”.

Concerto das Letras

Por outra banda, a Banda Municipal de Música de Lousame ofrecerá este venres 16 de maio o seu tradicional “Concerto das Letras”, que terá lugar na Casa da Cultura de Lousame ás 21:00 horas. Organizado pola Asociación Cultural Prudencio Romo-Banda de Música de Lousame e pola Concellería de Cultura, a participación é totalmente libre e de balde.

Finalmente, a Casa da Cultura de Lousame acollerá este sábado 17 de maio a súa “Festa do Galego”, unha iniciativa que inclúe xogos e obradoiros culturais para nenos e nenas de 4 a 14 anos. Será entre as 11:00 e as 13:00 horas e a participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou no teléfono 981 825 780.

15 de maio de 2014 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.