A Cámara de comercio de Ferrol expoñerá o censo para as eleccións da entidade
A Cámara de Comercio de Ferrol expoñerá a partir deste venres e durante un prazo de 20 días naturais o censo cameral para as futuras eleccións da entidade, segundo o acordo acadado pola Comisión Xestora, cuxa principal tarefa é restituír a gobernabilidade do ente e a estabilidade das súas funcións.
Despois de recabar asesoramento e en cumprimento dos cambios normativos, vaise ter en conta un censo universal, do que forman parte todas as empresas da demarcación dadas de alta no imposto de actividades económicas (IAE) a 1 de xaneiro de 2014, o que supón que poderán participar no proceso electoral máis de 13.000 electores.
O censo, que se exporá ata o vindeiro 19 de xuño, poderá consultarse nas oficinas da Cámara na rúa María, 158, así como na páxina web do ente cameral. Tamén estará dispoñible nas dependencias da Consellería de Economía e Industria na oficina de coordinación da Xunta en Ferrol (praza Camilo José Cela, s/n) e na delegación territorial da Xunta na Coruña (Vicente Ferrer, 2).
Poderán presentarse reclamacións ao censo desde o inicio da súa exposición ao público ata dez días hábiles despois do fin do prazo de consulta, ata o vindeiro 1 de xullo.











