A biblioteca vilagarcián celebra as Letras Galegas cunha mostra sobre Díaz Castro
A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro desenvolve en maio varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicadas este ano a Xosé María Díaz Castro. Neste marco, o centro organiza unha mostra sobre a vida e a obra do escritor lucense que exerceu varios anos como profesor no colexio León XIII de Vilagarcía, e tamén ofrecerá un espectáculo para escolares baseado nos seus poemas. A Biblioteca tamén continúa neste mes de maio coa campaña de Animación Lectura, dentro da cal mañá celébrase unha sesión de “A hora do Conto”.
A exposición sobre Díaz Castro poderá visitarse no vestíbulo da Biblioteca entre o 15 e o 31 de maio. A mostra componse de 10 paneis informativos remitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nos que se recollen diversos datos sobre a vida e obra do autor homenaxeado e que conxuga información gráfica (fotos da súa vida, debuxos, portadas de libros, manuscritos, etc.) coa información escrita. Un texto fai de fío condutor percorrendo a vida e obra de Xosé María Díaz Castro en todos os paneis.
A exposición complétase coa mostra bibliográfica das obras de Díaz Castro que a Biblioteca Rosalía de Castro ten no seu fondo do fondo da biblioteca, así como aquelas de outros autores referidas ao homenaxeado a efectos de ilustrar tanto a súa vida como a súa obra.
Como o 17 de maio, Día das Letras Galegas coincide este ano en sábado, os actos principais da Biblioteca adiántase ao xoves, 15. Ademais de inaugurar a exposición, ese día o centro situado na Rúa Rey Daviña acollerá a actividade titulada “Fala Xosé” e na que participarán alumnos de 2º curso de Primaria. Helga Méndez García, de Maquinarias Teatro, será a encargada de dirixir a actividade que consiste na escenificación dalgúns dos poemas máis populares de Díaz Castro, así como na realización de xogos dramatizados nos que participarán os nenos e nenas de forma activa. Esta actividade organízase a través do programa “Ler Conta Moito”, da Xunta de Galicia.
Ademais, a Biblioteca Rosalía de Castro repartirá entre marca páxinas conmemorativos do Día das Letras Galegas e do autor homenaxeado, entre os asistentes á biblioteca os días 15 e 16 de maio.
Campaña de Fomento da Lectura
Independentemente dos actos conmemorativos das letras Galegas, a Biblioteca prosegue este mes de maio coa súa campaña anual de fomento da lectura. Mañá, venres, celébrase unha nova sesión de “A Hora do Conto”. Un grupo de alumnos de 1º curso de Primaria visitará as instalacións de Rey Daviña ás 10 da mañá para asistir á actividade protagonizada polo caracol Sol-Sol, que vive na biblioteca e que se encargará de contarlles un conto e realizar con eles actividades relacionadas coa historia (xogos, cancións, globoflexia, debuxos, etc.). Con esta actividade preténdese potenciar a imaxinación, creatividade e a cooperación entre os nenos, ademais de animalos a ler e a utilizar as bibliotecas públicas.











