A biblioteca de Verín acolle a presentación do libro de ornitoloxía de Antonio Sandoval e Cosme Romay

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Na Biblioteca Pública Municipal de Verín terá lugar mañá 30 de maio, a partir das 19.30 horas, a presentación do libro “Cuándo ver aves en Galicia. Propuestas mes a mes para familias, aficionados y expertos” de Antonio Sandoval Rey e Cosme Damián Romay Cousido.

Trátase dun libro valido para a organización de excursións ao encontro de acontecementos ornitolóxicos, xa que no seu interior os autores desvelan, para cada mes, numerosas propostas destinadas tanto para os que dan os seus primeiros pasos na ornitoloxía como para os paxareiros máis entusiastas e as familias con nenos. Ademais, inclúe unha lista das aves de Galicia en catro idiomas, as coordenadas GPS de máis de 290 lugares citados no texto e unha relación de recursos bibliográficos e en internet.

Antonio Sandoval Rey (A Coruña, 1967) é escritor e comunicador ambiental, e dende neno un entusiasta ornitólogo. É socio fundador da Sociedade Galega de Ornitoloxía e socio da Sociedade Española de Ornitoloxía (onde foi coordinador do Grupo Ibérico de Aves Mariñas), entre outras organizacións. Colaborou en numerosos proxectos ornitolóxicos en Galicia, e profesionalmente está vinculado á comunicación e educación ambiental e o turismo de natureza e ornitolóxico. O seu libro “¿Para qué sirven las aves?” xa se atopa na segunda edición e ten escrito numerosos artigos de carácter divulgativo e científico sobre as aves galegas en diferentes publicacións xeralistas e especializadas.

Cosme Damián Romay Cousido (O Grove, 1981) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe o Diploma de Estudos Avanzados pola Universidade da Coruña, onde está a traballar na súa tese doutoral sobre taxonomía de aves de Galicia. Dende 2006 ata 2013 traballou profesionalmente en empresas de consultoría ambiental, realizando estudos de campo e labores de educación ambiental. Publicou unha trintena de artigos e varias guías sobre aves e outros grupos faunísticos. Está interesado en todo o relativo ao turismo ornitolóxico, redactando contidos para Turgalicia e impulsando a plataforma Seabirds Galicia para a realización de saídas para ver aves e mamíferos mariños mar dentro nas Rías Baixas.

29 de maio de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.