A aula CeMIT de San Sadurniño ofrece formación na xestión para os pequenos negocios
O Centro para a modernización e a inclusión tecnolóxica de San Sadurniño xa ten preparada a súa programación para o mes que entra e mailo de xullo. Desta vez ofrecerá un curso introdutorio a varias ferramentas útiles para a xestión dun negocio. Unha acción orientada principalmente á pequena empresa e a aquelas persoas dadas de alta como autónomas ou que teñan previsto dar o paso do emprendemento. “Sácalle partido a internet para o teu negocio” arranca o 10 de xuño e aínda quedan algunhas prazas libres.
O curso impartirase na Casa da Cultura en horario de tarde -de 16 a 18 horas- os días 10, 12, 24 e 26 de xuño; e os días 8, 10, 22 e 24 de xullo na aula da Rede CeMIT situada no primeiro andar da casa da Cultura. Para obter máis información ou facer algunha reserva cómpre chamar á axente TIC, Carmen Suárez, ao 616 016 793 ou enviarlle un correo a través do enderezo cemit.sansadurnino@xunta.es. Outro xeito de facelo é por medio da súa web.
Os contidos que se impartirán buscan ofrecer coñecementos sobre unha chea de aplicativos relacionados coa Internet e as aplicacións móbiles que permiten facer máis doada a levanza dun pequeno negocio.
O correo electrónico, o DNI e a sinatura dixital, os trámites que se poden facer pola rede, a banca en liña, as redes sociais, o aproveitamento do teléfono intelixente e as ferramentas de xestión que ofrece Google son os principais temas que se tratarán no curso, o último antes do peche por vacacións da aula.
Balance da escola itinerante
Recentemente a aula CeMIT pechou o súa primeira rolda de formación itinerante polas parroquias. En Naraío, Santa Mariña do Monte, Bardaos, Ferreira, Camiño Arriba, Lamas e Igrexafeita ofrecéronse entre setembro e marzo un total de 14 cursos de introdución á informática e á Internet.
Nestes cursos participaron 81 persoas das que máis da metada foron mulleres e cunha idade media de 60 anos. O balance das accións formativas facilitado pola Rede CeMIT indica que case o 90% das persoas asistentes non tiña ningún coñecemento previo sobre o tema e nalgún caso nin sequera sobre como acender o ordenador.
Porén ao final practicamente todos e todas aprenderon o básico e incluso ferramentas avanzadas, como o escaneado e retoque de imaxes co programa The Gimp ou a gravación e posprodución de audio co Audacity. Ademais, case todo o alumnado dispón xa de correo electrónico e tamén hai quen ten perfil nalgunha rede social.
Os cursos aproveitáronse para que as persoas participantes tamén contribuísen coas súas fotografías e as súas “faladas” ao proxecto falamedesansadurnino.org, no que se van gardando recordos e vivencias de San Sadurniño en forma de audio e imaxe.
O éxito da escola itinerante foi tal que o Concello quere repetila de cara á próxima temporada. Por iso iniciou o procedemento para mercar varios equipos portátiles con pantalla táctil que sexan doados de usar por aquelas persoas de mais idade. O proxecto da Rede CeMIT mesmo foi protagonista de dous programas da Televisión de Galicia. O espazo “Cos pés na terra” xa está dispoñible na rede.











