A asociación “Vida Digna” de Cangas estrea o posto solidario do mercadiño municipal
Esta mañá comezou a funcionar o “posto solidario” promovido polo concello de Cangas no mercadiño municipal que cada martes se celebra nas inmediacións da Alameda Vella.
A asociación canguesa “Vida Digna” foi a primeira en facer uso deste posto, no que os usuarios puideron facerse con roupa, xoguetes, libros, discos de música e ata casetes a un baixo prezo.
Con esta iniciativa a asociación busca recadar fondos para manter a súa obra social, da que se benefician 90 familias do municipio. As principais actividades benéficas que “Vida Digna” desenvolve en Cangas consisten no reparto de alimentos, roupa, e un programa de acompañamento.
Dende hoxe, todos os martes, asociacións e colectivos cangueses poderán solicitar, no rexistro do concello, facer uso deste posto solidario de forma gratuíta, para informar sobre campañas, celebrar xornadas ou vender produtos coa finalidade de financiar as súas actividades.
Con esta iniciativa dende a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Muller preténdese dar resposta a unha demanda das distintas entidades de carácter benéfico e social que desenvolven a súa actividade na nosa vila”.











