A asociación sen ánimo de lucro Andaina Pro Saúde Mental visita as minas de San Finx

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Visita da asociación

Visita da asociación

Un grupo de integrantes da asociación sen ánimo de lucro “Andaina Pro Saúde Mental” realizaron unha visita guiada ás minas de San Finx, en Lousame. Durante algo máis dunha hora, coñeceron a historia das minas e a súa evolución ao longo dos anos, facendo fincapé na importancia que a extracción de estaño e de wolframio tiveron para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do wolframio” na posguerra civil española. Así mesmo, coñeceron o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio da mina de San Finx.

“Andaina pro saúde mental” é unha asociación sen ánimo de lucro, con sede social no concello de Oroso, que pretende colaborar na atención ás persoas que padecen trastorno mental e ás súas familias nas comarcas da área sanitaria de Compostela. Contan con preto dun centenar de socios e desenvolven as súas actividades no municipio de Dodro, onde levan traballando dende hai un ano.

“Andaina pro saúde mental” naceu en 2010 co obxectivo de mellorar a asistencia e calidade de vida das persoas que padecen trastornos mentais, así como dos seus familiares e amigos; e favorecer a integración social e laboral destas persoas, defendendo os intereses e dereitos das persoas que padecen transtornos mentais. Os seus principios son: “A persoa como eixe” e “A inserción social e laboral”. Por iso, esta entidade organiza obradoiros para axudar tanto aos doentes como aos coidadores e familiares.

19 de maio de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.