A Asociación As Eiroas de empresarios do Polígono de Bértoa e Concello de Carballo asinan un convenio de vídeo vixilancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación As Eiroas de empresarios e propietarios do Parque Empresarial de Bértoa e o Concello de Carballo para a instalación de sistemas de vídeo vixilancia, o que suporá a ampliación dos existentes na actualidade. Formalizaron a sinatura o Alcalde, Evencio Ferrero, e o presidente da entidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha cita na que tamén estiveron presentes outros membros da asociación e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. O obxectivo do acordo é o de mellorar a seguridade, reducir o número de incidencias e reducir o custo que supón para o sector empresarial o mantemento dun servizo de vixilancia privada. O Concello comprométese a colaborar coa achega dun total de 10.000 euros para poder ampliar o sistema e o circuíto de cámaras de seguridade. A cambio da achega municipal, As Eiroas deberá presentar a factura correspondente ao investimento e o xustificante de pago, ademais de presentar unha memoria redactada pola empresa instaladora na que se describan os investimentos realizados e se xustifique o cumprimento da normativa vixente para a instalación. Este convenio recibiu a súa aprobación na Xunta de Goberno Local celebrada o 19 de maio.

20 de maio de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.