A área de Persoas Maiores lembra o prazo para o programa de balnearios da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A área de Persoas Maiores integrada na Concellería de Traballo e Benestar lembra que o día 10 de maio remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de estancias en balnearios promovido pola administración autonómica. Os maiores que desexen solicitar praza nalgúns dos balnearios de Galicia incluídos no programa dispoñen de prazo ata o sábado, 10 de maio para realizar o trámite.

O programa “Benestar en balnearios” é unha iniciativa que promove a Consellería de Traballo e Benestar co obxectivo de contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso con tratamentos termais e actividades socioculturais. Deste xeito búscase ocupar o tempo libre deste colectivo dunha forma activa e positiva e propiciar o coñecemento doutras xentes e as relacións sociais través da convivencia.

A duracións da estadía é de 10 días e nove noites, en réxime de todo incluído, en 13 establecementos termais ou balnearios das catro provincias galegas e situados en lugares de interese turístico, cultural ou termal. Os prezos das estadías oscilan entre os 316 e os 398 euros dependendo do establecemento elixido.

Para solicitar as estadías neste programa será preciso aportar fotocopia do DNI do solicitante e do cónxuxe ou acompañante. No caso de que dúas persoas queiran acudir xuntas ao mesmo destino e quenda, presentarán unha única solicitude, para a súa baremación conxunta, acompañada da documentación que nela se indica.
Cada persoa pode solicitar praza en calquera balneario dos que se ofertan prazas. Os desprazamentos dende o lugar de residencia ata o centro elixido correrán por conta dos beneficiarios

Os interesados poden requirir máis información nas xefaturas territoriais de Benestar da Consellería de Traballo e Benestar, nos Servizos Sociais do Concello ou a través do teléfono gratuíto 900 333 666.

7 de maio de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.