A actriz Macarena García será a pregoeira das Festas da Rosa de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaMos
A-
A+

O equipo de goberno do Concello de Mos fixo pública esta mañá a programación da Festa da Rosa 2014 que contará, como nas edicións previas, cos actos centrais e o Pregón da celebración o venres día 13 de xuño pola mañá e o acto de entrega de Medallas ó Mérito do Concello de Mos o domingo 15 de xuño ás 20.00 horas no novo auditorio de Torroso.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, explicaron hoxe a este respecto que o máis salientable da programación deste ano é a exaltación da empanada de pan de millo que se realizará o venres 13 de xuño pola mañá e coa que, gracias á colaboración da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, retómase a tradicional Festa da Empanada de Mos na que se involucrará agora tamén ós panadeiros mosenses para poder manter a tradición desta celebración gastronómica sen que supoña un gasto excesivo, facelo cun custe máis asequible que en edicións anteriores.

O día 13, e con motivo da exaltación da empanada, celebrarase o Concurso de Empanadas de Pan de Millo que se sumará ó tradicional Concurso de Ramos de Rosas.

E tamén o venres 13 de xuño cómpre destacar a obra musical que se interpretará ás 21.00 horas no Multiusos, ‘La Llamada’. Pola súa banda son salientables tamén, o sábado 14 de xuño ás 22.00 horas novamente no Multiusos, os concertos de La Voz e La Voz Kids, con Jorge González e David Parejo, respectivamente.

A lectura do Pregón realizarase, como cada ano, o día 13 ás 12.00 horas, e a pregoeira deste ano será a actriz Macarena García, cuxa elección veu dada, ademais de porque é unha actriz de moda, pola inclusión na programación cultural da Festa da Rosa da obra musical ‘La Llamada’ que ela protagoniza xunto con Gracia Olayo, Anna Castillo, Belén Cuesta, Richard Collins Moore e varios outros actores e actrices de renome.

Macarena García, é coñecida polos seus papeis en series televisivas tales coma Hospital Central, ‘El Internado’ ou ‘Amar en Tiempos Revueltos’ e actualmente traballa na teleserie emitida na cadea Telecinco, ‘Byb’, na que interpreta o papel de filla da tamén actriz Belén Rueda. A pregoeira da Festa da Rosa deste ano ten no seu haber xa, pese a súa xuventude, un Goia e unha Cuncha de Prata.

Tamén destacar os concertos do gaiteiro Óscar Ibánez, o sábado 21 de xuño ás 22.00 horas na Praza do Pazo de Mos con entrada de balde; e do grupo folk Moxenas, o venres 27 de xuño ás 21.00 horas no novo auditorio de Torroso, tamén gratuíto. Ademais ese mesmo día 27 realizarase o estreo oficial da Alborada Camiño da Rosa, composta por Xulio Lorenzo –músico compositor da Muiñeira de Mos-, e que será interpretada por tódolos grupos de gaitas de Mos.

Por último, resaltar que o obradoiro de teatro Mulleres na Igualdade terá cabida tamén no programa da Festa da Rosa 2014 coa interpretación da obra Tan só se vive unha vez, o sábado 28 de xuño ás 21.00 horas no Multiusos.

A maiores de todo o descrito, inclúense na programación da Festa da Rosa 2014, que comeza o día 7 de xuño e remata o 28 do mesmo mes, actividades deportivas tales coma o Campionato de Natación Escolar Concello de Mos (o 7 de xuño), o Campionato de Fútbol Memorial Juan Estévez ‘Nené’ (os días 7, 14, 15, 21 e 22 de xuño), o Partido Benéfico ASODIFISI Vellas Glorias (o 7 de xuño), e a Carreira BTT Club Ciclista Corredoira (o 15 de xuño); espectáculos infatís incluídos no programa Ocio en Familia (os días 8, 15 e 22 de xuño); e a VII Xuntanza de Palilleiras de Mos en Costoias, parroquia de Tameiga (o 21 de xuño).

21 de maio de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.