publicidade hoxe

A 51ª Feira do Viño do Ribeiro recoñece aos gañadores da cata popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+
Premiados na cata popular

Premiados na cata popular

Esta tarde tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 51ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, o alcalde do Concello de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge (coorganizadores do evento), o delegado provincial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez e outras autoridades locais.

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado como mellor viño Cunqueiro III Milenium 2.013, de Bodegas Cunqueiro, S.L. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Manuel Rojo 2.013 de Adega Manuel Rojo, S.L. e o viño Pazo Lodeiro 2.013 de Julio Vázquez Quintela acadou o segundo premio. Por último, na categoría de Viños Tintos o primeiro premio recaeu en Pazos de Albor 2.012 de Alfonso Albor Rodríguez e o segundo premio foi para Elisa Collarte 2.012 de Elisa Collarte Bernárdez.

En canto aos premios, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, engade “recoñecémolos de suma importancia, pois é o público o os que os outorga. O consumidor recoñece e traslada nestes premios as súas preferencias e gustos, polo que non cabe máis que salientar o seu valor”.

Por outra parte, recoñeceuse tamén como Mellor Catador de Viños Tintos a Daniel Pascual Feijoo de Ourense, e na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos a David Meléndez Morales, veciño de Viana do Bolo. Estes premios outórganse ás persoas que máis se achegan aos resultados finais dos viños premiados en cada unha das categorías.

Na súa intervención, Miguel Ángel Viso quixo resaltar o gran potencial dos viños da colleita 2.013 indicando que “o traballo que se está a desenvolver na nosa Denominación de Orixe está a obter os seus froitos”, polo que quixo ademais felicitar “ás adegas e colleiteiros do Ribeiro” e convidalos a que continúen nesa liña de traballo, primando a calidade nos seus viños.

O alcalde de Ribadavia súmase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e agradece a participación de todos aqueles que se implicaron nesta 51ª Feira do Viño do Ribeiro. Unha edición que chega ao seu remate cun importante éxito en canto á participación do público. Os datos reflicten un importante respaldo a esta nova liña de organización da Feira, onde a calidade e a innovación se mesturan coa tradición e a cultura do viño. Dende o Concello apóstase por seguir traballando na mellora e na oferta de propostas que atraian ao público e que estean á altura do que o viño do Ribeiro é merecedor.

Cata Popular

Esta actividade, organizada polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro, está dirixida ao público, que é o que cata e premia os mellores viños da feira. As marcas presentadas (18 viños brancos e 11 tintos) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está a probar.

4 de maio de 2014 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.