5.800 persoas e 14 centros educativos da Coruña participan no Programa Municipal de Autoprotección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde responsable de Seguridade Cidadá, Julio Flores, e o concelleiro de Educación, Francisco Mourelo participaron esta mañá, no IES Agra do Orzán, nun simulacro de incendio que forma parte da primeira edición do Programa Municipal de Autoprotección nos Centros Educativos, no que participaron 14 centros das etapas de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

“O proxecto, que se inclúe dentro do programa educativo municipal Coruña Educa e na que participan 5.800 persoas, está dirixido a estudantes de 3 a 18 anos, así como ao persoal docente, administrativo e laboral”, explicou Flores, quen destacou que o obxectivo fundamental é o de asesorar e informar os centros educativos sobre a normativa vixente, as obrigacións, responsabilidades e todos os aspectos concernentes aos plans de emerxencia e autoprotección, así como á súa elaboración, implantación e execución de simulacros.

“O obxectivo final -continuou Flores-, é a concienciación da comunidade educativa sobre os plans de emerxencia ou autoprotección, xa que da súa posta en práctica rápida e diligente, depende a seguridade do centro e a dos seus estudantes, docentes e persoal administrativo e laboral”.

A iniciativa consistiu en charlas informativas prácticas nos diferentes centros que participaron, dividíndose en catro actividades diferenciadas en cada centro:

-Visita ao centro por parte dos profesionais responsables do programa, para coñecer as características singulares de cada un deles.

-Charlas formativas ao persoal docente e aos responsables do centro, explicándolles que é un plan de autoprotección, como se elabora, a súa responsabilidade, as funcións de cada un, os simulacros, a súa importancia e a obrigación de realizalos, a importancia do mantemento e boa sinalización, manexo dos distintos sistemas de extinción.

-Charlas informativas dirixidas aos estudantes sobre a importancia dos plans de autoprotección.

-Simulacro. “O simulacro -explicou Julio Flores-, desenvólvese da seguinte maneira: un alumno detecta o cheiro a fume e ponse en contacto co conserxe que se dirixe ao momento de emerxencia e avisa ao director. Unha vez que se confirma o incendio deciden actuar e, ante a imposibilidade de controlar o incendio, pechan a porta e decídese a evacuación, póndose en marcha os distintos protocolos e medidas tanto por parte de alumnos, profesores e persoal do centro como por parte do SEIS”. Finalmente faise un breafing con todos os participantes para comentar os aspectos máis relevantes do exercicio.

No programa, que comezou a desenvolverse en decembro de 2013 e tivo continuidade até este mes de maio, xa participaron os centros de educación Infantil e Primaria Zalaeta, Víctor López Seoane e San Francisco Javier; os institutos Sardiñeira, Salvador de Madariaga, Fernando Wirtz, Otero Pedrayo, Elviña, Monelos, Rafael Dieste, Adormideras, Ramón Menéndez Pidal e Agra do Orzán; e o centro de educación Especial María Mariño.

“O éxito do programa foi rotundo, de feito recibiu unha cualificación media de 9 sobre 10 puntos por parte dos centros participantes”, explicou Flores e engadiu: “Os Servizos municipais de Extención de Incendios e os de Educación traballan xa na organización do Plan de Autoprotección do próximo curso escolar para os centros educativos nos que aínda non se impartise; no II Plan Específico de Seguridade para o Alumnado Coruñés na Noite de San Juan; e nun modelo común para o Plan de Autoprotección de todos os CEIPS do Concello”.

9 de maio de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.