24 desempregados formáronse nun obradoiro de dixitalización de documentos en Lugo

Beatriz Mato na entrega de diplomas
Un total de 24 persoas desempregadas formáronse en Lugo no obradoiro ‘Urbs Lucus’, un programa mixto de formación e emprego no que os participantes recibiron unha preparación de calidade nas especialidades de xestión de documentos, técnico en dixitalización de documentos e técnico en dixitalización 3D do Patrimonio.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe en Lugo a entrega dos diplomas aos participantes que ao longo dos últimos meses levaron a cabo a dixitalización e posta en valor do fondo documento pertencente ao patrimonio histórico, cultural e arqueolóxico do Concello lucense. Para poñer en marcha esta iniciativa, a Consellería de Traballo e Benestar destinou 215.000 euros.
Mato destacou que con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículos dos traballadores e traballadoras’. Así mesmo, lembrou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.
Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 9,5 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia de Lugo puxéronse en marcha 9 obradoiros que contaron cun investimento de 1,7 millóns de euros. Neles están a tomar parte 192 alumnos e alumnas.
Por último, Mato indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.











