Xunta e Zona Franca únense para impulsar o talento emprendedor de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPontevedra
A-
A+
Francisco Conde durante o encontro con emprendedores

Francisco Conde durante o encontro con emprendedores

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da aceleradora de empresas da Zona Franca de Vigo, onde coñeceu os proxectos que están a desenvolver os seus emprendedores. Neste contexto, Conde salientou dunha “visión compartida” entre a Zona Franca e a Xunta de Galicia sobre “o papel que ten o emprendemento na economía actual”. “A Zona Franca e o Goberno galego temos un obxectivo común en torno ao emprendemento, e estamos incrementando a nosa colaboración co ánimo de promover unha maior actividade industrial e facilitar a creación de emprego e a maior competitividade das nosas industrias”, explicou.

O conselleiro, que estivo acompañado pola presidenta do Consorcio vigués, Teresa Pedrosa Silva, e pola delegada territorial, María José Bravo Bosch, salientou a importancia desta colaboración de cara a consolidar o “ecosistema emprendedor” de Vigo e a súa comarca, con capacidade para fomentar e desenvolver actividades que contribúan á dinamización económica e social de Galicia.

Neste sentido, o Igape e a Zona Franca de Vigo están a impulsar esta colaboración a través dun convenio que permitirá compartir esforzos co obxectivo de que o Consorcio vigués se incorpore como axente da Unidade Galicia Emprende. Deste xeito, poténciase o traballo conxunto na promoción do emprendemento a través de actividades de formación e asesoramento, facilitando aos mozos galegos a creación de novos negocios.

Así, os emprendedores de Vigo disporán das iniciativas promovidas pola Zona Franca, como a propia aceleradora de empresas VíaVigo ou o viveiro CIE A Granxa, e das ferramentas que o Goberno galego pon a súa disposición, como a rede de mentores ou a rede de investidores particulares.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria avogou por seguir potenciando este traballo conxunto a prol do emprendemento, colaborando tanto na creación de empresas como na aceleración das mesmas.

25 de abril de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.