Xunta e Concello de Bueu avalían os últimos trámites para aprobar o PXOM deste municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Bueu. Foto: X. Crespo

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Bueu. Foto: X. Crespo

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse esta mañá co alcalde de Bueu, Felix Juncal, para analizar os último trámites que debe levar a cabo o Goberno municipal co fin de axilizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) desta localidade e facer realidade o antes posible o novo planeamento.

O municipio de Bueu conta cun Informe Previo á Aprobación Inicial de xullo de 2013, así como concluída o trámite de exposición e información pública, no que se recibiron 800 alegacións, incluída a incorporación do informe de alegacións presentadas a este proxecto urbanístico.

No transcurso da reunión, que contou coa asistencia dos técnicos de ambas administracións e do equipo redactor de planeamento, concretouse que o concello está pendente de recibir os informes sectoriais de Conservación da Natureza, Augas de Galicia e Paisaxe, así como o de Patrimonio.

A Secretaria Xeral comprometeuse a axilizar a emisión dos informes necesarios para rematar a tramitación urbanística e proceder a aprobación provisional do documento. O seguinte paso xa será achegalo á Xunta que disporá dun prazo de 3 meses para analizar tanto o expediente como o contido do documento e emitir a Orde de Aprobación Definitiva

Simultaneamente e para gañar tempo o concello xa está a traballar na proposta da Memoria Ambiental que será remitida á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a cal deberá emitir a Memoria nun prazo de 2 meses.

As previsións do concello pasan por rematar a tramitación ambiental e urbanística tralo verán co fin de remitilo documento á Xunta tralo verán e que poida entrar en vigor antes de que remate o ano.

Colaboración Xunta e concellos

Este encontro mantido entre a Xunta de Galicia e o Concello de Bueu e atópase dentro dos traballos de colaboración que o Executivo autonómico ofrece aos concellos para que poidan contar cunha figura urbanística que ordene e protexa os seus territorios.

Na actualidade o Concello de Bueu dispón dunhas Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas en 1986.

2 de abril de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.