Xosé Rivada na Sala de Exposicións de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Sala de Exposicións de Verín acolle do venres día 04 de abril até o día 03 de maio unha exposición cos últimos traballos do artista Xosé Rivada. En Punto e á parte, así titula a mostra o esculto-pintor ligado a Verín pola súa infancia e mocidade e pola súa estancia actual, Xosé Rivada presenta esculturas en metal e mármore, e cadros con técnicas mixtas, nas que somete a figuración a estilizacións propias do artista.

En conxunto son 16 as obras de Punto e á parte, 6 esculturas exentas, tres en aceiro e outras tantas en mármore, todas sobre peañas de pedra e ferro, e 10 cadros, nos que desenvolve técnicas esculto-pictóricas. E a temática das mesmas está inspirada no corpo humano, nas máscaras -o cigarrón- e nos ambientes acuáticos.

Xosé Rivada tras vivir a época da posguerra en Verín, marcha no ano 1969 a Madrid onde desenvolve as habilidades artísticas aprendidas de pequeno, centrando a súa atención e interese nos corpos espidos -previamente en Verín fomentará a súa obra máis persoal, de momento figurativa, con acuarelas e óleos nos que demostraba o seu grande interese polo debuxo; así como o tratamento do metal e as súas aleacións-. Con posterioridade diríxese a Bilbao, previo paso por Verín, para ampliar a súa formación artística, seguido de Barcelona, Zaragoza Valencia e Madrid. Anos máis tarde recae en México, onde adica parte do seu tempo a aprender o oficio do esmalte e plantexa un proceso inverso ao realizado tradicionalmente con esa técnica. Continúa con viaxes a Verín e por América Latina, e entra nunha fase de creación simbólica e orixinal que supón a apertura dunha vía inexplorada no arte galego: escultopintura. A partir dese momento, o seu traballo comeza a ser recoñecido pola crítica e a exposicións se suceden por Francia, México, Canadá, Brasil, Portugal e España.

A inauguración desta mostra terá lugar mañá 04 de abril, ás 20 horas. A Sala de Exposicións de Verín (rúa Irmáns La Salle, entre a Casa da Cultura e a Oficina de Turismo) está aberta de luns a sábado das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas. Os días 17 e 18,  Xoves Santo e Venres Santo, o horario estará restrinxido, con acceso entre as 11e as 15 horas.

3 de abril de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.