Xogadores de voleibol benxamín de toda a provincia visitan Carballo para disputar a Final provincial
O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle o sábado 26 de abril a Final provincial de Voleibol do programa de Deporte en Idade Escolar en categoría benxamín, unha cita que congregará a arredor de cen xogadores e xogadoras de entre 6 e 9 anos de toda A Coruña. Compiten a partir das 16.30 horas o Calasancias Coruña A e B, o Colexio Liceo A e B, o CV Narón Volea, os Franciscanos Coruña, o Calasancias Masculiño e Santa María do Mar CDC, ademais dos anfitrións, o Xiria Hierros Varela Urbieta. Rosalino Mariño, coordinador da sección de voleibol de Xiria, explica que é a primeira vez que a competición abandona a capital provincial, un feito que considera moi importante para consolidar o equipo da categoría benxamín feminina do Xiria, que conta con once nenas, tendo a máis pequena seis anos. Para Mariño “esta categoría é a máis importante”, xa que “é cando realmente comeza a súa educación e a súa base deportiva”. O Voleibol Xiria conta con sección alevín e infantil dende o ano pasado, e por primeira vez este ano creou un equipo benxamín que poderá participar na súa propia vila dun acontecemento que Mariño cualifica como “unha festa do voleibol”.
Ademais de celebrarse ata doce enfrontamentos entre os distintos equipos, a xornada acolle a entrega de medallas para os tres primeiros clasificados e está previsto que as bancadas se enchan de familiares, amigos e afeccionados. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que estivo na presentación da xornada xunto co Alcalde, Evencio Ferrero, expresou a vontade da administración local de dedicar todos os seus “esforzos e medios para contribuír a axudar ao deporte de base”, especialmente nunha disciplina como o voleibol “que pode recuperar os niveis que tiña noutros tempos e de seguro que os supera no futuro”. Por último, Rosalino Mariño expresou que un dos obxectivos do Xiria e continuar “enganchando” a deportistas a idades tan temperás e seguir organizando eventos como esta final provincial.











