XIX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Anxo Lorenzo na presentación da XIX Mostra de Teatro de Ourense

Anxo Lorenzo na presentación da XIX Mostra de Teatro de Ourense

Un total de 37 compañías conforman o cartel da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense 2014, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A décimo novena edición desta mostra, que se desenvolverá na cidade das burgas do 25 de abril ao 9 de maio, foi presentada hoxe no Teatro Principal, nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O responsable de Cultura afirmou que a Miteu constitúe, por unha banda, unha cita para os públicos coa oferta teatral actual abordada polo alumnado-actor dos espazos de teatro das universidades, e, por outra banda, unha oportunidade para mostrar nas táboas o traballo feito, para enfrontarse coa exhibición e, ao mesmo tempo, para intercambiar e compartir experiencias e relación humana cos integrantes doutras compañías universitarias.

Estas dúas vertentes considerounas “fundamentais para o desenvolvemento dos hábitos culturais, escénicos, neste caso, tanto da vivencia do teatro por parte do público, como para fomentar e consolidar esta participación activa dos estudantes a través das aulas de teatro universitarias”. “Eses son os modelos que queremos favorecer desde as administracións e así o concibimos no desenvolvemento das programacións conxuntas entre os ámbitos de educación e de cultura.

Unha oferta cultural ampla e nova

Durante a presentación, Anxo Lorenzo tamén fixo referencia ao feito de que “para as cidades é unha riqueza integrar na súa oferta de programación estas propostas escénicas, que teñen calidade e que achegan unha oferta cultural ampla, nova e imprescindible”. Finalmente, destacou a importancia de que no apoio destas programacións estean involucradas distintas institucións e de que sexan posible grazas á implicación e ao traballo aberto de distintos grupos e entidades sociais, que se veñen implicando ano tras ano.

Na rolda de prensa de presentación tamén participaron o director da Miteu, Fernando Dacosta; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras; e a concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido.

Compañías de Galicia, comparten cartel na Miteu deste ano con outras procedentes da Península Ibérica (Castela e León, Madrid, A Rioxa, Navarra, Cataluña, Portugal) así como con grupos de Italia e Brasil, entre outros, para potenciar o intercambio artístico e e cultural.

10 de abril de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.