XI Trofeo Comodoro en Portosín

Saída do XI Trofeo Comodoro
Hoxe déronse cita os regatistas participantes na última edición do XI TROFEO COMODORO que se celebrou en augas de Portosín durante os meses de marzo e abril.
Para a cita final programouse por parte da organización 3 percorridos ao vento dun total de 3, 6 millas náuticas cada un. O vento mantívose estable e cunha intensidade que variou desde os 12 nós ata os 18 da proba final sendo a primeira saída tal e como estaba previsto ás 13.00 horas e as seguintes a continuación.
En relación aos participantes só o ORAL GROUP de Pedro Pazos foi capaz de rabuñar un primeiro posto caendo todos os demais do día en mans da RABUDA UNO de Fernando González. Todos os demais postos estiveron moi disputados estando a pelexa entre o ORAL GROUP, o MEIGAS FORA de José Codesido, o SARA de Rafael Branco ou o SIRADELLA de César Álvarez.
A Clasificación Xeral despois de 8 probas realizadas e descartando os dous peores resultados establece:
1º A RABUDA UNO de Fernando González
2º Oral Group de Pedro Pazos
3º Meigas Fora de Jose Codesido
A entrega de trofeos tivo lugar no salón social da entidade organizadora estando presentes os ex comodoros Francisco Gude, José García, Ignacio Ecenarro e o actual Jorge Arán, ademais do Presidente do Real Club Náutico Portosín Fernando González.
O acto serviu para lembrar aos asistentes que o Real Club Náutico Portosín foi galardoado no día de hoxe en Barcelona pola organización do Mundial de Platú que se celebrou no mes de outubro sendo “A MELLOR REGATA DE MONOTIPO 2013” a nivel nacional.
A próxima cita será o día 10 de maio coa celebración da proba Contra-reloxo que tanto gusta entre os regatistas.











