Xa está en marcha o II Clínic Desmontando ao Adestrador Axudante, este ano en Boiro
O director xeral do club, José Luís Mateo, presentou hoxe o II Clinic Desmontando ao Adestrador Axudante xunto co alcalde da localidade coruñesa de Boiro, Juan José Dieste, e o concelleiro de Deportes, Nolo Romeu. Esta segunda edición desenvolverase nesta vila entre os días 18 e 19 de xullo.
Os relatores serán Antonio Pérez, axudante no CB Valladolid, coa temática “Preparar para competir”; Diego Ocampo, do Cajasol, que tratará a “Proposta de traballo de mellora individual”; Agustí Julbe, ex do Barcelona e centrarase no “Traballo sobre pick and roll segundo o scouting”; Jesús Ramiraz, do Ratiopharm Ulm alemán e exporá a “Técnica individual con xogadores exteriores”; Federico Fuca, do Virtus Roma italiano “Criterios para a selección da defensa do pick and roll”; Jordi Fernández, dos Cleveland Cavaliers da NBA estadounidense que profundará na “Tecnoloxía para analizar partidos e rivais/metodoloxía e organización de datos”; e o psicólogo deportivo Juancho Armental, que se centrará en “Que espera un adestrador xefe do seu axudante”.
Mateo subliñou que “falamos dunha iniciativa pioneira, pois até o pasado verán non se organizou un curso monográfico para os adestradores axudantes, que puxemos en marcha cun gran éxito. E é que até 144 adestradores achegáronse a Santiago para escoitar aos técnicos asistentes do Rio Natura Monbus, Real Madrid, Valencia, Montepaschi Siena ou Asvel Villeurbanne”.
Despois daquela edición o “listón está moi alto”, pero na entidade esperan superar o que se fixo entón coa colaboración do Concello de Boiro “que volve demostrar o seu compromiso co deporte, co seu alcalde e o seu concelleiro de Deportes á cabeza, albergando unha actividade que volverá contar cun cartel impresionante. Volverá ser unha excelente oportunidade, ademais de pasar un magnífico fin de semana de praia nunha localidade con tantísimos atractivos como Boiro, de recoñecer a figura do adestrador axudante, tan importante no baloncesto do século XXI, onde hai moito traballo que transcende o labor do adestrador xefe”, declarou .
“No noso club, de feito, así temos considerado -empezando polo propio Moncho Fernández- o traballo de Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez. Creo que podemos adaptar un coñecido refrán a este clinic afirmando que detrás dun gran adestrador, e temos innumerables exemplos diso, sempre hai un gran adestrador axudante”, concluíu.
O clínic ten un prezo de trinta euros para o público en xeral e vinte en modalidade reducida (Abonados, accionistas, membros do Club de Empresas Obradoiro e adestradores FEGABA).
Nesta segunda edición do clínic “Desmontando ao Adestrados Axudante” colaboran a Federación Galega de Baloncesto, o Departamento de deportes Concello de Boiro, o Club Náutico Boiro – Mariña Cabo de Cruz, Papelería Xiz, Xoiaría Jael, Cega Audiovisuais, Deputación dá Coruña, Deporte Galego e a Xunta de Galicia.











