Vilagarcía vólcase na tradición coas edicións máis concorridas da Festa dos Maios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Festa dos Maios deste ano promete ser unha das máis concorridas e lucidas das últimas décadas debido ao elevado número de participantes e de composicións florais que se exhibirán o 1 de maio no Parque Miguel Hernández. Un total de 11 colectivos de diversa índole inscribíronse para tomar parte na tradicional festa e presentarán un total de 30 maios de diferente tipoloxía.

Entre os participantes deste ano atópanse varias Anpas, un centro educativo, unha asociación cultural, e dous centros de maiores. En concreto están inscritos as Anpas Os Mecos-Bata, colexio San Francisco, O Año Pitaño, A Longa, colexio de Carril, colexio Vilaxoán e Ana Dr. Fleming-Anexo A Lomba. Tamén participan o colexio Vagalume, a Asociación Cultural Xeada, a Residencia de Anciás Divina Pastora e o centro de Día Abrente.

No certame poderanse ver maios das cinco tipoloxías. Os máis numerosos serán os maiosartísticos (13), seguidos das caixas (10) e dos tradicionais maios cónicos (8). Tamén haberá cruces de maio (6) e un barco.

Como se ven facendo dende hai uns anos, a Festa dos Maios non terá carácter competitivo, polo que a a Concellería concederá a todos os participantes unha rosca e una compensación económica que anime á participación e contribúa a conservar esta antiga tradición galega.A suma das compensacións económicas establécense en función da categoría dos maios, do número de participantes e de si aportan letras de coplas que, en calquera caso, deberán interpretar ante o público. Así, os premios máis elevados correspóndense cos maios máis laboriosos e de maiores dimensións, como son os cónicos e artísticos. En ámbolos dous casos as axudas son de 80 euros para participantes que non acheguen letras. A os grupos que leven coplas daráselles 100 euros se suman un mínimo de 10 integrantes e 200 euros se son grupos de máis de 25 compoñentes. Para as categorías de maios máis pequenos, como a cruz de maio, caixas e barcos, establécense axudas de 30 e 40 euros para os que participen sen copla e de 50 e 60 euros paras os que si acheguen letra e que deberán contar cun mínimo de 4 membros no grupo.

A exposición dos maios comezará ás 12 horas do 1 de maio, aínda que os participantes deberán presentar as súas composicións florais antes das 11:30 horas a efectos de poder organizar a exhibición no Parque Miguel Hernández. As actuacións realizaranse a mediodía, aínda que os maios deberán permanecer expostos ata as 20:30 horas a efectos de que o maior número posible de persoas poida admiralos. En caso de choiva, os actos trasladaranse á Praza da Peixería.

29 de abril de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.