Víctor González proclámase Campión Ibérico en categoría C da Clase Optimist

Víctor González
O regatista cangués Víctor González proclamouse esta fin de semana Campión Ibérico na categoría C da clase Optimist. No Trofeo Granitos Ibéricos, que tivo lugar en Canido, participaron oito deportistas desprazados polo R.C.N. Rodeira xunto con preto de 300 embarcacións das clases laser e optimist chegados de toda España e Portugal.
O sábado, cunhas condicións de vento de 10 e 15 nós de intensidade e dirección estable, González comezou a xornada cun 48 no primeiro parcial, mellorando nas seguintes probas acabando 43 e 33, colocándose ao final da xornada, segundo na categoría C, empatado co terceiro clasificado e a nove puntos do líder da categoría.
O segundo día pola contra estivo marcado por vento de menor intensidade, 8-10 nós e rolón con tendencia a irse cara parte esquerda do campo de regatas. A xornada non puido comezar mellor para o representante cangués que comezou a primeira proba tomando a primeira baliza entre os 15 primeiros. Grazas a elixir a zona máis favorecida na última ceñida puido remontar algúns postos cruzando a liña de meta na 12ª posición, facendo o seu mellor parcial. Na seguinte e última manga González rematou 43, finalizando 1º e proclamándose campión ibérico na categoría C.
O equipo técnico do club sinala a progresión amosada por todo o equipo de regatas composto por regatistas moi novos. “É a segunda vitoria consecutiva de Víctor que leva todo o ano amosando un gran nivel”. Afirma o adestrador Andrés Jiménez. “Agora continuaremos traballando para seguir mellorando de cara a próxima regata do ranking galego que terá lugar nunhas semanas en Vigo”, remata.











