Víctor González acada o ouro na categoría C, da Copa Galicia de Optimist

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+
Victor González durante a proba

Victor González durante a proba

A pasada fin de semana o regatista cangués Víctor González alzouse co ouro na categoría C na Copa Galicia-Trofeo Sigaltec de Optimist que tivo lugar na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa. González acudiu a cita como membro do equipo de regatas do Real Club Náutico Rodeira que desprazou á cita a un total de 7 deportistas.

A primeira xornada estivo marcada por un vento estable de 10 nós de intensidade con moita corrente no campo de regatas o que condicionou as estratexias dos regatistas. González estreábase coa flota Ouro de Galicia, sendo o único de categoría C, polo que o obxectivo marcado era gozar da experiencia e aprender, quedando 57, 48, 42, 60, nas catro mangas disputadas. Na flota prata destacou o papel do cangués Pablo Juncal que dende a primeira manga loitou por meterse entre os 15 primeiros da clasificación acabando de 15, 16, 22, nas tres primeiras mangas rematando 9 na última proba da xornada.

O segundo día foi máis duro para os representantes cangueses, cunhas condicións de vento máis esixentes, 12 nós de vento con refachos de 15 nós con roles de esquerdas. González comezou frouxo a xornada realizando o seu peor parcial, un 61, rexurdindo na última proba facendo a súa mellor manga finalizando 36, ocupando a praza 56º na clasificación xeral, alzándose co título en categoría C. Por outra banda Juncal seguiu na súa liña facendo un 22 e un 12, quedando 17º na clasificación final, 7º da categoría A.

Dende o equipo técnico do club destácase a xuventude dos compoñentes do equipo de regatas, sendo dos máis novos da flota a nivel galego, cunha magnífica proxección de futuro. Os regatistas xa están traballando de cara a próxima cita que terá lugar no Club Marítimo de Canido os próximos días 26 e 27 de abril para disputar o Trofeo Granitos Ibéricos.  

9 de abril de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.