Verín acolle unha nova edición do Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez
Para fomentar a creatividade literaria dos estudantes dos centros de ensino da comarca, o Concello de Verín convoca o Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez.
Bases
1ª. DOS/DAS CONCURSANTES. Poderán participar alumnos e alumnas, matriculados en Primaria (5º ou 6ª), 1º ciclo de ESO e 2º ciclo de ESO en calquera dos centros docentes da comarca de Verín.
2ª. DAS CARACTERÍSTICAS DO TRABALLO. O relato será orixinal, inédito, con temática e o estilo libre, escrito en galego; a extensión non superará 2 DIN A4 escritos por unha cara, con tipo Times New Roman de corpo 12, e marxes estándar e a un espazo e medio de interliñado.
3ª. DA SELECCIÓN DOS TRABALLOS, DOS DEREITOS DOS FINALISTAS E DOS PREMIOS
3.1. SISTEMA DE PRESELECCIÓN NOS CENTROS, PARTICIPANTES E PRAZOS. A fase de preselección é a criterio de cada centro participante, que poderá enviar á fase de selección final un máximo de 3 relatos en cada unha das tres categorías: Os relatos irán asinados cun lema. Nun sobre, que presentará co mesmo lema, introducirase información co nome, apelidos, curso, centro, enderezo e teléfono, de telo.
Os traballos seleccionados en cada centro enviaranse ou entregarase na Casa do Concello de Verín, antes das 14:00 h do día 7 de maio, mércores.
3.2. FASE DE SELECCIÓN FINAL
3.2.1.DA COMPOSICIÓN DO XURADO CUALIFICADOR. O Xurado Cualificador estará composto por membros con dereito a voz e voto, que proporá a Concellería de Cultura e Educación do Concello de Verín, e por un secretario, con voz e sen voto, que representará á organización.
3.2.2.DAS DECISIÓNS DO XURADO. As decisión do Xurado serán inapelábeis.
3.2.3.DOS PREMIOS
3.2.3.1. DOS DEREITOS DOS FINALISTAS. Os autores e as autoras dos traballos finalistas, se participan no acto no que se farán públicos os poemas premiados -ao que serán convocados con tempo e forma pola organización- e non acadan algún dos premios con dotación económica, recibirán un lote de libros.
3.2.3.2. DOS TRABALLOS SELECCIONADOS PARA PREMIOS EN METÁLICO
En cada unha das tres categorías entregaranse os seguintes premios con dotación económica: 90 euros (1º premio), 60 euros (2º premio) e 30 euros (3º premio). De estimalo o Xurado, algún poderá quedar deserto.
A organización resérvase o dereito de publicar calquera dos traballos que participen na fase de selección final, que pasarán a ser da súa propiedade. A organización do Certame resérvase o dereito de interpretar ou modificar estas Bases, dándolle publicidade entre os centros participantes.











