Uns 80 inscritos na XII Marcha Cicloturista de Bergantiños que organiza o Club Ciclista Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

O domingo 6 de abril a partir das 10.00 horas o Club Ciclista Carballo Placasa organiza, coa colaboración do Concello e a autorización da Federación Galega de Ciclismo, a XII Marcha Cicloturista de Bergantiños na que xa están inscritos 70 participantes e na que se espera a inscrición doutra decena, o que casi duplica os inscritos do ano pasado, arredor de 45. Trátase dunha cita que en 2013 tivo lugar no mes de outubro pero que o club cambiou de data ante a petición dos ciclistas, que prefiren a primavera para este tipo de marchas. O percorrido transcorre por estradas pola costa de Bergantiños, incluíndo Ponteceso, a Virxe do Faro, Malpica, Buño, Lema, Rebordelos e unha volta a Carballo, incluíndo vistas que Juan Seoane, director deportivo do club, cualifica como “espectaculares”, especialmente as que se obteñen do areal de Razo. Trátase dunha marcha neutralizada na que, segundo Seoane, o principal obxectivo “é que a xente saia a gozar da bicicleta”, non co propósito de competir.

Está aberta a todas aquelas persoas maiores de 15 anos que teñan licenza, ben anual ou dun día. A marcha comezará ás 10.00 horas con saída e chegada no Fórum Carballo (na parte posterior, xunto ao acceso do Taller de hostalería), onde estará ubicada a Oficina Permanente e o Parque Pechado desde dúas horas antes. A organización porá á disposición dos participantes servizos e duchas así como aparcamento para os seus vehículos e o avituallamento está previsto que se realice na Virxe do Faro. Seoane quere resaltar que nesta edición da marcha participará xente de todos os puntos de Galicia, incluíndo Bergantiños, a comarca de Fisterra ou xente da Coruña, pero tamén de fóra de Galicia, sendo Plasencia o punto máis afastado. Seoane tamén quixo agradecer a colaboración do Concello e “a súa boa predisposición” para colaborar en citas deste tipo” e a Bodegas Carballo por facilitar o necesario para realizar o avituallamento.

O percorrido, aínda que non excesivamente longo, xa que conta con 78 quilómetros, si conta con bastantes subidas e baixadas, polo que a chegada está prevista no Fórum a partir das 13.30 horas. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou que é “unha marabilla” que Carballo conte con tanta “diversidade deportiva”, e especialmente “cunha actividade que permite gozar da paisaxe e da natureza”. Por último, lembrou que as previsións meteorolóxicas para o domingo 6 avanzan moi bo tempo, o que seguramente favorecerá o desenvolvemento da cita.

4 de abril de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.