publicidade hoxe

Uns 30 viveiristas da comarca amosarán a súa produción na XI Mostra de Cultivos do Baixo Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

Unha trintena de produtores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares do campo, daranse cita na décima primeira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, a vindeira fin de semana (26 e 27 de abril), no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño).

Organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello de Tomiño, a feira abarcará unha superficie total de 1500 metros cadrados de exposición e venda.

Esta mañá, tivo lugar nos locais de Coplant S.L. –unha das empresas asociadas- a presentación da mostra aos medios de comunicación, na que estiveron presentes os membros da directiva de Acubam e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Segundo salientou na oportunidade o presidente de Acubam, José Cosmed, a presente edición terá importantes novidades, coma que a xornada do sábado 26, se adicará exclusivamente a profesionais do sector, mentres que a do domingo, será para público en xeral.

Outro dato a destacar é que este ano se organiza, por primeira vez, unha ruta guiada por seis viveiros da zona, co fin de que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que ven exposto na mostra.

Coma curiosidade, comentaron que nesta edición contarase cun xardín especialmente traído dende o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, e que será unha das principais atraccións deste ano. Colocarase no exterior do pavillón co fin de atraer visitantes.

José Cosmed, salientou, asemade, a importancia que ten para os produtores e comercializadores da comarca, seguir mantendo esta mostra, única no seu tipo en Galicia, xa que “pon de releve que o Baixo Miño é unha zona de referencia do sector en todo o país”. Explicou tamén que a formación de Acubam, foi posible grazas á consolidación da mostra de cultivos. “Despois de dez anos de mostra, démonos conta de que non se podía seguir facendo so un traballo dun fin de semana”, comentou, salientando a importancia de dar a coñecer o traballo que se fai nos viveiros da comarca e o que representan na economía da mesma. Nesta liña, lembrou as actividades de sensibilización que se están levando a cabo nos centros educativos de primaria e infantil de Tomiño, a través do proxecto, impulsado por eles, “As nosas amigas, as plantas”.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou o apoio incondicional do Concello á mostra, e agradeceu a implicación dos produtores na organización de mesma, resaltando a importancia cada vez maior que o sector ten a nivel económico, comercial e de emprego. Por último, informou que nesta edición renderase un homenaxe a Juan Peixoto, pioneiro no sector dos viveiros e na organización da mostra.

Manuel Bacelo, membro da directiva de Acubam, explicou que entre os produtos expostos este ano, haberá planta ornamental, flor cortada, kiwi e conservas con froitos locais; maquinaria agrícola, etc.

Por último, Rafael Carrera, salientou o traballo desinteresado de voluntarios e colaboradores que fan posible reducir o orzamento da mostra de forma importante.

O sector dos cultivos na comarca do Baixo Miño, xera máis de 500 empregos directos (70% deles femininos) e máis de 200 indirectos. Na actualidade, adícanse unhas 600 hectáreas ao cultivo de planta ornamental e flor. A distribución da produción faise en España (60 %) e no estranxeiro (40 % restante), cunha facturación anual que supera os 55 millóns de euros.

22 de abril de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.