Uns 20 cativos participaron no programa de conciliación das vacacións da Semana Santa en San Sadurniño
Arredor dunha vintena de cativos e cativas participaron nos últimos tres días nos obradoiros de conciliación organizados polo departamento de Educación e Igualdade. Trátase dun programa lúdico e educativo destinado á rapazada de entre 4 e 12 anos do que, ademais, tamén se benefician as familias en que os maiores traballan.
O departamento de Educación e Igualdade preparou tres talleres a medio camiño entre o xogo e a aprendizaxe para as mañás dos tres primeiros días das vacacións da Semana Santa.
O primeiro obradoiro ocupouno a reciclaxe creativa. Nel a xente miúda aprendeu a construír xogos de mesa, bixutería, figuras de animais e outros xoguetes que se empregaron no obradoiro de xogos tradicionais programado para este mércores, último día dos obradoiros.
Ademais, na sesión do martes -que se desenvolveu na súa maior parte ao aire libre- os nenos e nenas gozaron de varias actividades cooperativas coas que favorecer a autonomía, a concienciación en igualdade, a creatividade, o xogo en equipo e a diversión.
Desta programación lúdica e educativa organizada para os pequenos e pequenas tamén se benefician indirectamente as familias -especialmente aquelas nas que os maiores traballan- xa que lles facilita un recurso de conciliación durante o periodo de vacacións.











