Uns 2.000 estudantes visitan o Fórum Carballo para saber máis sobre as súas opcións formativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Fórum Carballo transfórmase o 24 e o 25 de abril nunha guía de recursos formativos e laborais para os estudantes de Secundaria do municipio e da contorna. Unha fervedoira de xente entre profesorado, alumnado e representantes de centros educativos como as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago, ou a UNED, de institucións como as Forzas Armadas ou a Policía Nacional, e de entidades empresariais como Axober ou a Cámara de Comercio ateigaron as instalacións do Fórum dende primeira hora da mañá. Rapazas e rapaces aprendendo maquillaxe, envolvendo agasallos, ocupando o taller de hostalería ou mesmo muxindo vacas, subidos ao tractor ou practicando informática. Todo para que, segundo explica Luís García, director da Escola Familiar Agraria, EFA Fonteboa de Coristanco, “o alumnado vexa que nas aulas non é todo mesa e cadeira”, e que hai moitas maneiras “de aproveitar ben a formación”.

O acto de apertura do Foro contou coa presenza do propio Luís García, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como dos directores dos tres centros educativos de Secundaria de Carballo: Carlos Fernández, do IES Parga Pondal; Ana Alcalá, do IES Monte Neme; e Mónica Mariño, do IES Alfredo Brañas, responsables directos da organización da cita xunto con Axober. De feito, Mariño quixo expresar en nome de toda a organización a “ilusión” por todo o “traballo e o esforzo” investido para que este segundo Foro saia adiante. A organización calcula que ao remate deste II Foro da Formación e a Empresa, o venres ás 14.00 horas, arredor de dous mil rapaces e rapazas terán pasado polas instalacións do Fórum Carballo. Luís García quixo subliñar durante a apertura que este segundo ano “tratouse de mellorar e corrixir o que se fixo o ano pasado”, en que xa arredor de mil persoas tiñan participado na cita. Para García, a cita ten tres obxectivos principais, “atopar puntos de converxencia entre a formación profesional e as empresas”, “que a formación profesional que se imparta estea vinculada ao tecido empresarial da contorna”, e, por último, “dinamizar a vida académica”.

Todo nun espazo pensado para “compartir ideas” e tamén para tentar que as empresas se impliquen cada vez máis no proceso formativo. Pola súa banda, Mónica Mariño quixo subliñar a vontade da cita de “facer algo non só para Carballo, senón tamén para toda a contorna”, agradecendo ademais o traballo de “moitísima xente que fixo posible isto”. O Alcalde desexou que o Foro sirva “de aprendizaxe permanente de cara ao futuro”, pero sobre todo desexou que sexa “útil” para que “toda a xente teña a oportunidade de acceder ao mercado laboral con dignidade”.

24 de abril de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.