Unhas xornadas analizarán o estado dos abastecementos de auga na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Preto de cincuenta persoas, entre alcaldes, xestores e técnicos municipais responsables da xestión de piscinas e zonas de baño da provincia de Ourense, participaron nunhas xornadas que analizaron os requisitos estruturais, documentais e hixiénicos sanitarios esixibles nos abastecementos de auga, organizadas pola xefatura territorial da Consellería de Sanidade.

Os participantes asistiron a este acto co fin de obter a formación e información necesaria para unha correcta xestión dos abastecementos de auga.

Na provincia de Ourense existen 204 abastecementos controlados por Sanidade, dos que o 99 por cento son de titularidade municipal. A vixilancia sanitaria da auga de consumo realízase mediante inspeccións periódicas ás zonas de abastecemento. A periodicidade establécese en función das características das instalacións e o ano pasado contabilizáronse un total de 96 inspeccións.

Así, na provincia ourensá rexístranse 157 abastecementos que teñen unha prioridade baixa, polo que as inspeccións realízanse unha vez cada tres anos, mentres que anualmente faise unha toma de mostras,e trimestralmente procédese a un control de cloración. O resto dos abastecementos, 47, teñen unha prioridade media e deben inspeccionarse bianualmente, a toma de mostras realízase unha vez cada seis meses e o control de cloración é bimestral.

O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, explicou que a organización destas xornadas -que só se celebran na provincia de Ourense- ten como obxectivo a resolución das dúbidas de interpretación ou aplicación que podan ter os responsables municipais para evitar a detección de incumprimentos susceptibles de supor un risco para a saúde da poboación e de constituír unha infracción sanitaria.

29 de abril de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.