Unhas 500 persoas participarán na Travesía do Xalo
O monte Xalo baterá marca de asistencia na V Travesía do Xalo, que se desenvolverá o domingo, 27 de abril, en Culleredo. Organizada pola asociación Castelo Deporte coa colaboración do Concello de Culleredo, a cita reunirá a máis de 500 participantes nas diferentes modalidades que propón.
A V Travesía do Xalo ofrece diferentes posibilidades aos participantes:
· Mediamaratón. Unha das poucas de montaña de Galicia que contará con 21 quilómetros e máis de 1.200 metros de desnivel.
· Andaina. Serán 11 quilómetros por unha ruta que cada ano cambia de percorrido.
· Carreira para nenos e nenas
A proba comezará en Castelo, ás 9.30 horas para o maratón e ás 10.00 horas para a andaina.
Un dispositivo veciñal esperará aos participantes ao termo da proba, cunha churrascada popular á que poderá sumarse calquera persoa. Haberá sorteo de agasallos e música para amenizar a xornada.
Castelo Deporte doa o 5% do recadado nas inscricións ás entidades sociais de Culleredo.
O Concello de Culleredo destaca a “gran implicación” dos membros da asociación para levar a cabo eventos deste calado, cuns resultados excelentes. O goberno local agradece o “enorme esforzo” realizado para a organización.