Unhas 200 persoas participaronn na I Parada familiar de Xogos tradicionais de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A leira da Cortiña foi este sábado un grande espazo de xogo no que, alomenos por un día, quedaron aparcados os móbiles, as tablets, as consolas, a tele e outros aparellos de entretemento ultramodernos. A ANPA, o Concello e o profesorado do CPI convidaron a grandes e pequenos a pasaren unha tarde distinta arredor dos xogos e xoguetes de toda a vida. A proposta foi un éxito.

Cativería, papás e mamás empezaron a chegar ao arboreto de especies autóctonas a iso das catro da tarde. Había algo de vento pero á beira do Xubia parábase ben. Un aire que mesmo se agradecía despois duns intres de exercicio físico.

E é que a tarde foi un empezar e non parar de brincar. O brilé, o tiro á corda, as carreiras de sacos, as de carrilanas… e así ata 18 xogos tradicionais compuxeron unha proposta de lecer que se ía repetindo a medida que se incorporaban asistentes ao encontro. Por momentos non se sabía quen gozaba máis das actividades, se os grandes ou os nenos e nenas. De feito, un dos obxectivos principais da organización foi o de que uns e outros compartisen unha tarde arredor dos divertimentos de antano para contribuír á súa conservación e difusión.

Éxito tamén da ximnasia rítmica

Por outra banda, as benxaminas de ximnasia ritmica do Clube Brío proclamáronse campioas da categoría escolar no IX Torneo de Primavera Cidade de Ferrol. Trátase dun novo éxito para as nenas do clube local, que recentemente tamén venceron no iV Torneo de Ximnasia Rítmica de Burela.

Ademais da ximnasia rítmica, o Brío centra a súa actividade no baile moderno, onde conta cun nutrido grupo formado maiormente por mozas que participan en exhibicións en toda Galicia.

13 de abril de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.