Unha veciña de Amorín festexa o seu 100 aniversario na compaña da súa familia

Celebración da centenaria xunto a súa familia
Laurentina Domínguez Espinosa, de Carregal de Abaixo (Amorín) cumpríu 100 anos, onte, 28 de abril. Para celebralo, o seu fillo Enrique e a súa nora Celina, cos que vive, invitaron ao resto da familia (entre eles Eva, a súa única neta) para celebrar o seu aniversario. Tamén a visitaron o edil delegado de Benestar Social, Suso Montero, e o ex-concelleiro José Mª Regueiro. Leváronlle unha torta e un cadro que lle gustou moito.
A aparencia física de Laurentina non revela o duro que traballou no campo (Arbo) durante 71 anos, nin os 30 que pasou en Vigo, antes de trasladarse a vivir co seu fillo a Carregal de Abaixo (parroquia de Amorín) hai 9 anos.
Nada en Río de Xaneiro, veu a Galicia con so 9 meses en brazos dos seus pais, ambos os dous galegos.
Na actualidade, afortunadamente, atópase ben de saúde, come de todo (os seus pratos preferidos son o cocido e os macarróns con carne) e ve a televisión. “As súas últimas analíticas deron valores dunha persoa de 25 anos”, comenta a súa neta. O único problema que ten é o oído que lle falla un pouco, “e di que o sonotone o poñamos nos”, engade Eva.
Laurentina participou moi ilusionada da celebración do seu 100 aniversario, soprando as velas e brindando cun chupito de oporto. Quedou moi agradecida polos agasallos que lle fixo o concelleiro Suso Montero, especialmente, pola fotografía enmarcada a modo de cadro, que examinou detidamente.
Laurentina forma parte dende onte da decena de persoas con cen ou máis anos, residentes en Tomiño.











