Unha trintena de lalinenses viaxarán a Escaldes-Engordany co programa de irmandamento
A Xunta de Goberno Local aprobou o programa de irmandamento con Escaldes-Engordany (Andorra), marco no que se inscribe a iniciativa de intercambio coas persoas maiores desa localidade, que se realiza desde 2004 con carácter bianual. Unha iniciativa á que se destinarán 440 euros para sufragar os gastos de desprazamento desde Lalín ao aeroporto de saída, e que se fai correspondendo á estancia dun grupo de andorranos no noso Concello entre o 20 e 24 de febreiro e que lle posibilitou participar nos actos da Feira do Cocido, entre eles a Gala de Gastronomía, a exposición de Laxeiro con motivo do 106 cumpreanos ou no Día Grande da Feira.
Nesta ocasión serán unha trintena de lalinenses os que poderán gozar de 5 días de estancia (4 noites) nun hotel de Escaldes (Andorra), en habitacións dobres e individuais, en réxime de pensión completa, ademais de participar en diversas actividades como exposición culturais, visitas históricas ou a centros lúdicos.
O número de prazas é de 30, distribuídas en 15 habitacións dobres compartidas, agás, que exista dispoñibilidade de acceso a algunha individual. Serán requisitos para poder participar o de estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Lalín, ser persoas maiores de 65 anos, ser pensionista de xubilación do sistema público de pensións ou similar (plan de xubilación e/ou de pensións do estranxeiro), pensionista de viuvez con idade igual ou superior aos 55 anos ou pensionista de invalidez ou prexubilados e ter en nestes casos 60 anos cumpridos.
As datas de realización do intercambio son do 5 ao 9 de xuño (ambos inclusive). As persoas participantes neste programa aboarán un importe que oscilará entre un mínimo de 215 euros/persoas e un máximo de 250 euros/persoa, en función do transporte aéreo. O prazo de presentación de solicitudes ábrese o vindeiro luns, 21 de abril e estenderase ata o 2 de maio, ambos inclusive.
A adxudicación de prazas realizarase por sorteo no caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas ofertadas. Tomarase como referencia para o sorteo o número de entrada no Concello de Lalín.
O sorteo realizarase o 16 de maio ás 9.30 horas no Concello de Lalín. Para resultar adxudicatarios da praza deberase asistir obrigatoriamente ao sorteo, provisto de DNI, na data e hora sinaladas. En caso de que a solicitude se una á doutra persoa é suficiente con que estea presente un dos solicitantes.











