Unha técnica de turismo xaponesa pasará un mes en Santiago aprendendo o funcionamento do departamento de turismo

Recepción á técnica xaponesa

Recepción á técnica xaponesa

Esta acción forma parte da colaboración para a promoción conxunta de ambas cidades, na que se inclúe un intercambio de persoal. No mes de maio virá un delegación de Tanabe, que participará na primeira semana de Xapón en Santiago. O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiron no Pazo de Raxoi a Yui Mayazaki, técnico de Turismo de Tanabe, que pasará un mes traballando nas oficinas de Turismo de Santiago para estudar o funcionamento da empresa municipal de promoción turística.

A estancia da técnico turística xaponesa forma parte do programa de colaboración entre ambas cidades e resposta a estancia en Tanabe dunha técnico de Turismo de Santiago entre o 26 de agosto e o 18 de setembro do ano pasado.

Santiago e Tanabe son as cidades de referencia das dúas rutas de peregrinaxe declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Ambas cidades levan tempo traballando xuntas, pero neste ano están reforzando a súa colaboración con motivo do ano dual Xapón – España, cun plan de promoción conxunta.

Este plan de promoción inclúe a organización dunha Semana de Xapón en Santiago, que terá lugar no mes de maio e que na súa organización contará co apoio da técnica de Turismo de Tanabe. Nesta semana participará unha ampla delegación xaponesa, na que se inclúen persoalidades tanto da cidade de Tanabe como da rexión de Wakayama. A Semana de Xapón en Santiago terá como obxectivo achegar as culturas galegas e xaponesa e poñer en valor a importancia do mercado xaponés para Santiago.

No ano 2012 o mercado xaponés alcanzou o maior número de pernoctacións na cidade, cun crecemento do 20% respecto ao 2011, segundo os últimos datos dispoñibles do INE. Dende Turismo de Santiago considérase que estas cifras foron positivas no 2013 e poden continuar crecendo nos vindeiros anos, aproveitando a mellora na conectividade aérea co país asiático grazas á conexión de Turkish Airlines co seu hub de Estambul.

25 de abril de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.