Unha gran imaxe pecha a tempada do Azkar Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Encontro Inter Movistar e Azkar Lugo. Foto: Inter Movistar

Encontro Inter Movistar e Azkar Lugo. Foto: Inter Movistar

O Azkar Lugo pechou con boa nota a campaña 13/14. Os lucenses, que conseguiran o obxectivo da permanencia fai xa varias xornadas, puxeron o punto e final da mellor maneira posible, e aínda que non puido dar a sorpresa ante o Inter Movistar (5-3), si puido acabar coa cabeza ben alta tras competir ben ao longo dos corenta minutos e ata mandar ao descanso no electrónico.

O partido arrincou con igualdade no xogo e cun Azkar Lugo valente, o que lle levou aos tres minutos a adiantarse no electrónico cun balón dentro da área que Cuco transformaba no 0-1. Tras adiantarse os lucenses no luminoso, o Inter parecía máis enrabietado e rotando ao equipo parecía coller máis pegada de cara á meta de Mendiola que comezaba a ter traballo. Desde a estratexia, tras unha falta dubidosa, o Inter empataba aos sete minutos por mediación de Rivillos (1-1). Loxicamente o control do partido era para os verdes, o líder da liga, quen creaban moito perigo pero a defensa galega e Mendiola estaban moi serios. En pleno acoso local Diego Ríos solicitaba tempo morto para cortar o rimo do xogo e ao final sairíalle ben xa que a catro minutos para o descanso Cuco nunha xogada dentro da área e favorecéndose cun balón despexado por Iker facía o 1-2. O Inter buscou a igualada antes do descanso, o Azkar quería sorprender nalgunha contra, pero coa mínima vantaxe dos azuis chegábase ao intermedio.

Tras o paso por vestiarios o Inter Movistar saía moi enchufado e xa ao primeiro minuto Borja puña as táboas no marcados (2-2). Eran os mellores minutos dos de Jesús Velasco, tocáballe sufrir aos pronistas e fixérono ben porque todos os disparos aínda que ían a porta atopábanse coa defensa galega e un Mendiola que se mostraba seguro baixo os paus. Ao Azkar Lugo custáballe chegar, pero nalgunha tímida ocasión creaba perigo e os lucenses reclamarían un penalti sobre Iago Rodríguez ao minuto 29 que os colexiados non sinalaban. Un forte disparo de Ortiz afastado que se estrelaba no poste á media hora de partido era o preludio de que o Inter Movistar conseguise porse por diante no marcador por primeira vez no partido. Unha perdida en media cancha dos galegos acabaría ao minuto 32 co gol de Batería (3-2). Antes dese tanto Jose López ingresaba en cancha, o que significaba o debut en primeira división do canteirán lucense. Pese ao tanto o Azkar Lugo non perdía a súa identidade sobre a cancha, non renunciaba ao balón, cría nas súas posibilidades, aínda que estas se esfumaban un pouco co 4-2 do Inter Movistar a catro minutos do final cun balón á área de Ricardinho que tras pegar en Aranburu íase dentro. Tempo morto de Diego Ríos para preparar o porteiro-xogador, unha estratexia que hoxe os galegos utilizaron ben, creando certo perigo e permitiulle crer ata o final co gol nesa superioridade de Álex Diz (4-3) a falta de tres minutos para o final. Os lucenses seguírono tentando pero a sentenza chegaba a un  minuto do final cando unha posible falta a favor dos lucenses, que fose a sexta, quedaba sen sanción e o balón caía a Rivillos que desde media cancha a portaría baleira puña o 5-3 definitivo.

Ficha técnica:
Inter Movistar 5:
Iker, Ortiz, Orbaez, Borja e Batería, -cinco inicial-, Rivillos, Tobe, Cardinal, Ricardinho, Nano Modrego e Charanga.
Azkar Lugo 3: Mendiola, Diego Núñez, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Aranburu, Antonio Diz, Álex Diz, Jandri e José López.
Árbitros: Martínez Segovia e Sánchez Molina (comité castelán-manchego). Amoestaron con cartón amarelo a Charanga e Cardinal (Inter) e Iago Rodríguez (Azkar).
Incidencias: 30ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón Caixa Madrid. Uns 1500 espectadores.
Goles: 0-1 min. 3 Cuco, 1-1 min. 7 Rivillos, 1-2 min. 16 Cuco, 2-2 min. 21 Borja, 3-2 min. 32 Batería, 4-2 min. 36 Ricardinho, 4-3 min. 37 Álex Diz e 5-3 min. 40 Rivillos.

26 de abril de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.