Unha ducia de veciños de Oroso participan nun obradoiro de cupcakes

Participantes no curso de cupcakes
Unha ducia de veciños e veciñas de Oroso participaron na primeira edición do Obradoiro de Cupcakes, organizado polo Concello de Oroso dentro do seu programa de cursos de ocio para adultos. O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, asistiu á clausura do obradoiro e lles fixo entrega dos diplomas de asistencia ao mesmo.
O curso impartiuse durante o pasado mes de marzo no centro cultural de Sigüeiro, onde os alumnos e alumnas aprenderon e elaboraron múltiples cupcakes de distintas formas e sabores. A elaboración de cupcakes semella estar de moda, como demostra a gran participación acadada tamén no obradoiro organizado durante o Entroido, no que participaron un total de 16 cativos e cativas.
Manipulador de alimentos
Por outra banda, o Concello de Oroso convoca un Curso de Manipulador de Alimentos, que terá lugar o próximo venres 11 de abril, de 10:00 a 13:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Trátase dun curso homologado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e que terá unha cota de inscrición de 20 euros para empadroados (25 euros para non empadroados).
Este curso está dirixido a todos aqueles veciños e veciñas interesados en conseguir ou en renovar este carné, que facultan aos seus posuidores para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos), alimentario, comedores escolares… Durante o curso, os alumnos adquirirán coñecementos relacionados coa nutrición e coa hixiene e a manipulación dos alimentos. Os interesados en participar poden anotarse ou conseguir máis información nos Servizos Sociais do Concello de Oroso, na rúa do Deporte 9 ou chamando ao 981 688 950.











