Un xulgado da Coruña acolle unha audiencia previa pola demanda de Añón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O Xulgado de Primeira Instancia número 2 da Coruña acollerá este mércores unha audiencia previa pola demanda presentada por Ferros Añón contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e NCG Banco tras perder a súa participación na entidade a consecuencia da ‘operación acordeón’ aplicada nesta.

A Xustiza admitiu a trámite, en marzo de 2013, a demanda do empresario Manuel Añón Rey, propietario de Ferros Añón, coa que trata de salvar os 25 millóns de euros que achegou ao capital da entidade financeira en 2011. Agora, a audiencia previa fixouse para este mércores ás 12,30 horas, segundo confirmaron fontes xudiciais.

No seu momento, fontes da empresa indicaron que Añón sentiu “absolutamente enganado” cando, en decembro de 2012, na entidade se executou unha ‘operación acordeón’, que consistiu en que se reduciu a cero o capital para facer, simultaneamente, unha ampliación.

Neste proceso, que se produciu ao inxectarse as axudas procedentes da UE a NCG Banco, a vintena de empresarios galegos que fixeran unha achega conxunta de 70 millóns de euros viron reducirse a cero a súa inversión e varios deles optaron por acudir á vía xudicial para reclamar o seu diñeiro.

Añón achegara 25 millóns de euros á entidade tras lograr un acordo con NCG polo cal esta lle compraba ao empresario a participación que tiña na Corporación Novacaixagalicia. O pacto supoñía que o dono de Ferros Añón adquiriría un 1% do banco.

28 de abril de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.