publicidade hoxe

Un total de 58.000 euros permitirá executar un proxecto de aforro enerxético nos concellos da Costa Bergantiñá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLaxeLocal PortadaMalpica de BergantiñosPonteceso
A-
A+
O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, asinou nos últimos días un convenio co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, para a posta en marcha dun plan de aforro enerxético no territorio da Costa Bergantiñá, que integra aos municipios de Cabana, Malpica, Laxe e Ponteceso.

De feito, Muíño actuou en nome do resto dos rexedores, tamén presentes no acto, xa que o proxecto será de aplicación nos catro concellos.

Segundo reza o texto do convenio de colaboración, a Deputación achegará a este proxecto un total de 58.000 euros, o que supón o 100% do orzamento necesario para o seu inicio.

Así, coa colaboración provincial poderán financiarse os gastos de toma de datos (inventario das instalacións, campaña de medidas…), o informe de auditoría (descrición das instalacións, indicadores e contabilidade enerxética…), a redacción dun plan enerxético e a definitiva presentación de resultados, que incluirá unha serie de medidas encamiñadas a redución do gasto enerxético nestes concellos.

“O que se busca coa posta en marcha deste plan é conseguir un uso máis eficiente e eficaz dos recursos eléctricos”, explicou José Muíño, que asegurou que “as nosas expectativas de aforro coa posta en marcha deste plan de aforro enerxético son moi boas”. 

Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá

A constitución oficial da Comunidade Intermunicipal Costa Bergantiñá tivo lugar no mes de maio do ano 2013, cando o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou cos alcaldes de Laxe, de Cabana de Bergantiños, de Ponteceso e de Malpica de Bergantiños o convenio de regulación desa comunidade intermunicipal de prestación de servizos consorciados Costa Bergantiñá.

O convenio serve para regular a colaboración entre os catro municipios e a Deputación, que tamén forma parte da comunidade poñendo á súa disposición todos os medios técnicos e humanos que se precisen para garantir o seu correcto funcionamento, sen que isto supoña ningún custe para os concellos nin para o organismo provincial, xa que o organismo non ten personalidade xurídica propia nin cargos remunerados. 

Xa naquel momento os alcaldes dos catro concellos falaron das colaboracións a levar a cabo, centradas na xestión dos residuos, a procura dunha maior eficiencia enerxética ou a promoción de iniciativas conxuntas relacionadas coa cultura e o deporte.

29 de abril de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.